Opinión

Mollarse polo río!

Os ríos son algo máis que correntes de auga. Os ríos son ecosistemas que dan acubillo á vida, animal, vexetal, invertebrada... tamén humana. Os ríos humanizan as nosas vilas e cidades. Sinto enorme orgullo ao ver a moitas veciñas e veciños de Sarria defendendo o río, que non é noso, herdámolo dos nosos antergos e temos a obriga de deixalo en boas condicións aos nosos fillos e netas.

Os ríos son algo máis que correntes de auga. Os ríos son ecosistemas que dan acubillo á vida, animal, vexetal, invertebrada... tamén humana. Os ríos humanizan as nosas vilas e cidades. Sinto enorme orgullo ao ver a moitas veciñas e veciños de Sarria defendendo o río, que non é noso, herdámolo dos nosos antergos e temos a obriga de deixalo en boas condicións aos nosos fillos e netas. Se ben, nestas últimas décadas esquecemos esta obriga e ferimos a natureza. O malecón de Sarria é un bo exemplo disto. Digo eu, se hai enchentes a culpa non é do río, é de especuladores e gobernos que non respectaron as súas marxes e zonas de inundación natural. Xa sei, auga pasada non move muíños, porén é preciso no repetir erros do pasado.

"Sinto enorme orgullo ao ver a moitas veciñas e veciños de Sarria defendendo o río, que non é noso, herdámolo dos nosos antergos e temos a obriga de deixalo en boas condicións aos nosos fillos e netas".

Quero expresar a través destas liñas o agradecemento inmenso a todas as persoas que fixeron espertar a chama. A vontade é capaz de mover montañas, moito máis proxectos que nacen errados e supoñen un despilfarro de fondos públicos. Por certo, unha parte destes cartos da Xunta de Galiza. Non deixa de sorprender que o Goberno Galego financie obras que son competencia do estado, ao tempo que nos recorta na educación e sanidade públicas co argumento da  falta de recursos. 

"Non ten sentido gastar máis de 6 millóns de euros en destruír un bosque de ribeira, patrimonio artístico, cultural, etnográfico ou paisaxístico e mudar  o aspecto do Malecón".

A  Plataforma Sarriana polo Río acerta. O(s) goberno(s) deberan escoitar e atender unha demanda cargada de sentido común, razóns e corazón. Non ten sentido gastar máis de 6 millóns de euros en destruír un bosque de ribeira, patrimonio artístico, cultural, etnográfico ou paisaxístico e mudar  o aspecto do Malecón. Para quen non o coñeza,o Malecón é unha das marxes do río perfectamente cuberta de cemento. As prioridades deberan ser outras. Din que rectificar é de sabios. Agardo que a sabedoría  ilumine a quen nos gobernan desde o  Concello, a Xunta e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Mentres, seguirémonos mollando polo río e lembrando o certo deste dito dos indios Cris: "Cando tiredes a última árbore, cando matedes o último animal, cando contaminedes o último río, decatarédesvos de que o diñeiro non se come". 

Comentarios