Katu Arkonada, da Rede de Intelectuais en Defensa da Humanidade

"Por moito que distorsionen os meios, Guaidó só ten o apoio da clase media alta"

Internacionalista desde a praxe e non só desde a teoría, Katu Arkonada (Barakaldo, 1978) é un grande coñecedor, sobre o terreno, da realidade latino-americana en xeral e dos movimentos anti-imperialistas en particular. Durante 8 anos, e como asesor do goberno, colaborou coa experiencia transformadora que lidera Evo Morales en Bolivia. Activista da Rede de Intelectuais en Defensa da Humanidade, acompaña moi de perto os dramáticos acontecimentos actualmente en curso en Venezuela. Falamos sobre eles nesta entrevista.

IMG_1376
photo_camera Katu Arkonada. Foto: cedida.

Katu Arkonada mora desde hai meses en México DF. Conversamos na tarde da cuarta feira, por telefone. Está recén chegado de Caracas.

Como viche a situación en Venezuela?

Acabo de aterrar de Caracas hai apenas unha hora. Estiven tamén na toma de posesión de Maduro [o pasado 10 de xaneiro]. Vin absoluta normalidade. Si que hai unha situación complicada no social, cunha crise económica importante. Mais o que hai é que ver as causas desa crise. A sociedade vina en calma. A distorsión do que pasa por parte dos meios de comunicación é terríbel. Lévannos a pensar que están á beira da guerra civil. Mais a situación real dista moito de ser esa. Por moito que distorsionen os meios, Guaidó ten o apoio dunha determinada clase social,  clase media-alta. Mais esa clase é, como en todas as sociedades do planeta, minoritaria. Portanto, diría que a situación é de absoluta normalidade, dentro das dificuldades que coloca a crise económica.

En Caracas tiveche a oportunidade de estar con Maduro. Que impresión che produciu?

Na guerra mediática fíxose un grande exercicio, verdadeiramente exitoso, de deconstrución da figura de Nicolás Maduro, mais hei de dicer que Maduro foi o mellor chanceler dos países do ALBA durante 8 anos. É un grandísimo cadro político que le moi ben a xeopolítica e as relacións internacionais. Moi consciente da responsabilidade que ten sobre os hombros, incluída a ameaza dunha intervención militar dos EUA, que até agora nunca fora tan explícita. Ben, vino de verdade que moi tranquilo. Estiven con el nun acto con transportistas. O tipo cantou, bailou coa xente. Ten moito sentido do humor, até se autoparodia. Os meios tíldano de bruto. Ten un inglés moi mao. Pois ben, el rise desa caracterización que fan os meios del. A verdade é que Maduro é o mellor presidente que pode ter Venezuela nestes momentos de crise. Non por acaso foi a persoa na que Chávez depositou a súa confianza no proceso da sucesión. Sabía que era a persoa máis adecuada, sabendo, como sabemos todos, que ningún líder é perfecto.

Se Guaidó ten o apoio da clase media alta, debemos inferir que o conxunto das clases populares están con Maduro?

Si, embora dunha maneira crítica. Hai tamén un chavismo sociolóxico crítico que está nos bairros populares e que sofre as penalidades económicas produto dun bloqueo [reférese ás sancións contra o país interpostas polos EUA] que afecta a todo, desde a compra de alimentos até a distribución de medicinas. Mais as clases populares teñen moi claro con quen non están. Non están cunha oposición que é violenta, que non é democrática, que só acepta os resultados cando gaña as eleccións, que vai entregar os recursos naturais do país, e non só o petróleo, o gas, o ouro, o coltán...

Falas do chavismo sociolóxico...

Si, Chaves fixo dúas grandes cousas, dúas claves que hai que ter na cabeza para entender o que pasa en Venezuela. A primeira é o partido. Chávez gañou ao principio sen ter un partido e decatouse de que o necesitaba. E creou o Partido Socialista Unido de Venezuela, unha organización que está a funcionar moi ben. E a segunda clave é que Chávez creou conciencia crítica na xente. O chavismo sociolóxico. A xente en Venezuela está politizada e iso permite que as clases populares defendan o proxecto.

Tes dito en algunha charla disponíbel en Youtube que unha cousa é conquistar o goberno e outra moi distinta, tomar o poder.

Si, mais Venezuela é un dos países do mundo onde máis se ten tomado o poder. Se o pomos en relación co ciclo de gobernos progresistas en América Latina, a revolución bolivariana é sen dúbida a que máis ten avanzado. É evidente que unha cousa é o goberno e outra o poder real. Aí tes que confrontar cos poderes mediático, xudicial, económico. Mais Venezuela si que ten dado pasos adiante na construción da hexemonía. Sabemos desde Gramsci que a hexemonía é antes que política, cultural. A hexemonía cultural é ese chavismo sociolóxico, produto de 20 anos de revolución. Obviamente enfrente está o sistema mundo, con moitos intereses, a potencia imperial, Venezuela como a principal reserva petrolífera do planeta...Obviamente aí hai unha disputa grande, mais en Venezuela se alguén ten o poder é o chavismo.

Lenin dicía que salvo o poder todo é ilusión. Está moi ben autoproclamarse presidente [di con ironía], mais se non tes o control da institución estatal, das forzas armadas, dos fluxos comerciais, do aparato xudicial, da facenda, pois obviamente o que tes é ilusión. Aquí hai unha persoa que di que é presidente e outra que é efectivamente presidente porque ten todos eses resortes na súa man.

Maduro está a apostar polo diálogo. A oposición acaba de fecharse a el.

Si, a Asemblea Nacional recusa o diálogo coa excusa de que non quere prolongar o sufrimento do pobo. Aquí cada quen se está a retratar. O presidente Maduro está disposto a se sentar con todo o mundo, sen condicións, e iso que é o presidente lexítimo do país, que acaba de gañar con clareza unhas eleccións [as de maio de 2018, co 67 por cento dos votos, un proceso boicotado polos sectores máis pro-Washington da oposición]. Hai tamén países que queren promover o diálogo e a paz, a iniciativa de México e Uruguai en curso, o apoio indirecto de Nacións Unidas e o Vaticano...

É sintomático que Trump anuncie un novo encontro con Kim Jong-un e se negue en redondo a se ver co presidente de Venezuela.

-Ben, aquí se está a disputar unha guerra diplomática e, en paralelo, unha guerra mediática. Na primeira hai moitas iniciativas para descoñecer a presidencia de Maduro e para posicionar un Guaidó que non ten ningún poder efectivo no país. Hai que dicer que Guaidó non só non quere saber nada da iniciativa polo diálogo de México e Uruguai, senón que tampouco lle vale o Grupo de Contacto da UE.

Hai empate técnico en Venezuela entre goberno e oposición?

Hai un empate catastrófico nalgúns ámbitos. No mediático... a potencia de fogo que teñen eles é terríbel. No diplomático, a situación é así, así. Pero no territorio non hai ningún empate: hai un señor que non foi eleito por ninguén e que se erixe como presidente sen ter ningunha capacidade para tomar ningunha decisión executiva.

E o factor tempo. De quen dirías que xoga a favor?

Ben, hai movimentos internacionais que, se acaban por callar, vanlle pór moi difícil aos EUA xustificar unha intervención militar. Até o Grupo de Lima e a UE se mostran distantes de calquer escenario bélico. Así que diría que o tempo, se xoga a favor de alguén, faino a favor do goberno lexítimo do país.

Como xulgarías o papel de España?

En política exterior, bastante lamentábel, como sempre. Nen sequer teño que me remontar á historia neocolonial. Basta con lembrar o Trío dos Azores. O apoio a unha invasión que se saldou cun millón de mortos. Sánchez está a actuar agora movido exclusivamente polos intereses das transnacionais españolas en América. É mágoa. Está a perder a oportunidade de liderar unha iniciativa a prol da paz e o diálogo. Sánchez debería terse posto do lado xa non só da esquerda, senón dos demócratas.

E como avalías o rol dos intelectuais na esfera internacional en relación ao conflito venezuelano?

Ben, a esquerda europea en xeral dáme vergoña. En América Latina si hai un pensamento crítico máis vigoroso. O que fai falta é un esforzo colectivo para pensar o mundo actual e para fornecer ferramentas analíticas que fagan avanzar as sociedades. Ese debe ser o rol do intelectual orgánico. E o que é fundamental é non falar de ouvidas, senón estar na lama, coñecendo a realidade directamente e non desde a comodidade do teu escritorio.



 

Comentarios