Modelo Burela, Youtubeir@s e GCiencia, entre as gañadoras da primeira edición dos Premios Mil Primaveras

Creados pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL)., teñen como  finalidade valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua .

xurado premios mil primaveras
photo_camera Imaxe do xurado.

O xurado dos Premios Mil Primaveras, logo de avaliar os 47 proxectos presentados a esta primeira edición, decidiu outorgar os seguintes premios nesta a súa primeira edición: Modelo Burela (como proxecto estabilizado), Falemos de ti e min (como proxecto novo), Desafío 48 h (pola súa comunicación e impacto), Youtubeir@s (como proxecto máis innovador), Eu presumo de galego (como proxecto destinado á mocidade) e GCiencia (como proxecto dun ámbito sectorial).

Os Premios Mil Primaveras creáronse coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

Establecéronse seis categorías para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais.

Modelo Burela

Como mellor proxecto estabilizado recoñeceuse o Modelo Burela (IES Perdouro), por ser un proxecto de planificación lingüística que aborda a acollida lingüística como estratexia de integración social e implica a sociedade e o ámbito educativo nun labor conxunto de promoción da diversidade cultural, nomeadamente no marco da lusofonía.

Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora

A categoría do proxecto novo recaeu en Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora (IES de Soutomaior), por ser un proxecto integrado no proxecto educativo do centro, desenvolvido durante todo o ano, dirixido á totalidade do alumnado, transversal e implicando a todos os departamentos. Valorouse moi positivamente que a promoción da lingua se asocie con outros valores e causas sociais xustas, como a igualdade de xénero e a defensa da diversidade sexual, funcional e cultural.

Desafío 48H

Na categoría de mellor comunicación e impacto, prémiase a campaña Desafío 48 h (IES María Casares de Oleiros), porque, a partir dunha comunidade educativa concreta e nun tempo limitado, conseguiu captar a atención e o interese de moita xente.  A partir dunha realidade sociolingüística totalmente castelanizada, a acción Desafío 48 h tivo como principais obxectivos incentivar o uso do galego de maneira positivaen todas a situacións da vida diaria do alumnado do centro

Youtubeir@s

Como programa máis innovador, recoñeceuse o Proxecto Youtubeir@s (concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, Deputación Provincial da Coruña e universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), por abordar un medio prioritario para o futuro do idioma, xa que ten unha grande atracción na xente nova. Así mesmo, valorouse que este proxecto emprega linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade e que favorece que as persoas que transmiten a través de YouTube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en YouTube.

Eu presumo de galego

O xurado premiou o proxecto Eu presumo de galego (IES de Melide) na categoría de fomento do galego na infancia e/ou mocidade, por ofrecer un modelo de traballo de calidade para a detección de necesidades concretas en contextos galegofalantes, onde a reflexión sociolingüística e a promoción do galego entre a mocidade se insiren nun proxecto educativo transversal. Valorouse positivamente a súa flexibilidade e eficiencia, que o converten en modelo transferible tanto a contextos educativos galegofalantes como a castelanfalantes.

GCiencia

O proxecto premiado nun ámbito sectorial concreto, en concreto na divulgación científica, foi o portal dixitalGCiencia (Ciencia Galega Industrias Creativas, S.L.), por crear un espazo de uso normalizado para o galego nun ámbito de especial relevancia e prestixio, o que contribúe a desmontar prexuízos sobre a utilidade da lingua e reforza o dereito a termos contidos de todo tipo no noso idioma.

O xurado estivo formado por Daniel Romero Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Fene, Rosario Pérez Magdalena, técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Ana Iglesias Álvarez, investigadora e docente na Universidade de Vigo, María Yáñez Anllo, xornalista e directora da revista dixital Vinte, e Anxos Sobriño Pérez, presidenta da CTNL.

Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra. Tamén colabora no acto de entrega dos premios o Concello de Pontevedra.

Comentarios