O Modelo Burela e GCiencia, entre os premiados nos Mil Primaveras

Son seis proxectos galardoados noutras tantas categorías. nesta iniciativa da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística.

DESFAIO 48 HORAS
photo_camera Imaxe do proxecto Desafío 48H, gañador na categoría ámellor comunicación e impacto.

A Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística (CTNL) deu a coñecer os proxectos recoñecidos nas diferentes categorías dos Premios Mil Primaveras: Modelo Burela (como proxecto estabilizado), Falemos de ti e min (como proxecto novo), Desafío 48 h (pola súa comunicación e impacto), Youtubeir@s (como proxecto máis innovador), Eu presumo de galego (como proxecto destinado á mocidade) e GCiencia (como proxecto dun ámbito sectorial).

Premio ao mellor proxecto estabilizado: Modelo Burela (IES Perdouro). Recoñeceuse por ser un proxecto de planificación lingüística que trata a acollida lingüística como estratexia de integración social e implica a sociedade e o ámbito educativo nun labor conxunto de promoción da diversidade cultural, nomeadamente no marco da lusofonía.

Premio ao mellor proxecto novo: Falemos de ti e min (IES de Soutomaior). A cultura galega desde unha perspectiva integradora (IES de Soutomaior), por ser un proxecto integrado no proxecto educativo do centro, desenvolvido durante todo o curso escolar, dirixido a todo alumnado, transversal e implicando a todos os departamentos.

Premio á mellor comunicación e impacto: Desafío 48 h (IES María Casares, Oleiros). A partir dunha comunidade educativa concreta e nun tempo limitado, conseguiu captar a atención e o interese de moita xente. Isto traduciuse nunha ampla presenza nos medios de comunicación e favoreceu que outros centros educativos se interesasen por reproducir o modelo.

Premio ao proxecto máis innovador: Youtubeir@s. Recoñeceuse o Proxecto Youtubeir@s (concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, Deputación Provincial da Coruña e universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), por abordar un medio prioritario para o futuro do idioma, xa que ten unha grande atracción na xente nova. Así mesmo, valorouse que este proxecto emprega linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade e que favorece que as persoas que transmiten a través de YouTube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en YouTube,

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: Eu presumo de galego (IES de Melide), por ofrecer un modelo de traballo de calidade para a detección de necesidades concretas en contextos galegofalantes, onde a reflexión sociolingüística e a promoción do galego entre a mocidade se insiren nun proxecto educativo transversal.

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial: GCiencia. Recoñeceuse o portal dixital por crear un espazo de uso normalizado para o galego nun ámbito de especial relevancia e prestixio, a divulgación científica, o que contribúe a desmontar prexuízos sobre a utilidade da lingua e reforza o dereito a termos contidos de todo tipo no noso idioma.

Comentarios