Opinión

Moción e emoción: a inmovilidade dun governo inmovilisa

Esperto cunha nova engaiolante: a Xunta quere que o 75% da xente faga exercicio para aforrar en Sanidade. O presuposto do Sergas dispararase no 2020 até luir os catro mil millóns. O governo máis inmovilista da historia anímanos a nos mover. E xa que non houvo moción de censura, anque motivos houvo dabondo, morre por outras mocións. Coa miña teima de botar man dos esquecidos diccionarios procuro moción a ver se ando trabucada. Decátome de que a moción está entre a mocidade e o moco. E como a mocidade xa se moveu cara os servizos a baixo custe doutros países e xa non vai ter fillos galegos senón ingleses ou alemáns ou o que cadrar, penso que esa moción que procura o governo autonómico está hoxe máis perto do moco.

Como o diccionario non me resolve nada deste cousiliño volvo á proposta do governo de Feijóo e leo que teñen un Plan Estratéxico Galicia 2015-2020. Ou sexa que estamos xa con ese plan e eu, que traballo de monitora esportiva de Tai Chi, ainda non me decatara! Sigo a ler o dito plan: Campañas de concienciación cidadán (mal empezamos se fiamos en campañas institucionais. Mirade aquela de Fálalle galego en que ficou!). Construír novas instalacións esportivas e mellorar as existentes (bueno, que chova dentro dos polideportivos tampouco é ningún drama, incluso pode dar pé á creatividade cidadá e patentar unha actividade nova, algo así como parauging ou water proof). Fomento da vida saudavel nos colexios (Aí havería que fazer unha revolución e desbotar a práctica da sentada academicista dunha escola bancaria onde os nenos son víctimas dunha pedagoxía medieval ou o que é o mesmo, recipientes inmóveis onde depositar o lixo erudito dun coñecemento tan caduco como aborrecido e punitivo). Poderiamos escrever varios livros encol da escola inmovilista española. Como lle vas pedir movilidade a unha escola inmovilista coercitiva? E tudo isto para reduzir o sobrepeso dos nenos só nun 3%? Para pasar de ter o 33% de nenos con sobrepeso a tudo un 30%?

Señor Feijóo, os galegos non queren nacer! Osmarán o que lles agarda coas pensións e os soldos máis baixos dese maravilloso estado central que tanto nos quer

Galiza é o país máis avellentado de Europa e está entre os primeiros do mundo. Decatariase o governo do PP de que o disparo do presuposto do Sergas ten aquí as súas causas primordiais e non tanto na inmovilidade dos galegos? Señor Feijóo, os galegos non queren nacer! Osmarán o que lles agarda coas pensións e os soldos máis baixos dese maravilloso estado central que tanto nos quer. Certo que somos ben dispersos, mais precisamente por iso movémonos máis co resto de España e sen contar coas encostas, co selvaxen da nosa orografía. Practicamos ao camiñar un deporte de risco debido a que a ningún plan estratéxico se lle ocorreu que as beirarrúas eran un xeito de promocionar a marcha bípeda e evitar accidentes deses carros que circulan polo rural e intervilego nun rally permanente que tantos governos toleran.

Calquera peón sen carro coma min pódelle artellar un plan ben máis estratéxico. Se os nosos governantes deran exemplo e no canto de tanta vida náutica e tanto ximnasio elitista e tanta estación de esquí deixaran o carro a cotío e camiñaran as súas cidades e vilas ou usaran da bici e o transporte público e os camiños de ferro para os longos desprazamentos decatarianse de por qué a xente abusa do carro. Tudo nas cidades parece disuasorio para non mover as pernas. Se tes bici non há carrís-bici. Se vas camiñar non há beirarrúas polas estradas. Se usas transporte público ou chegar tarde ao traballo ou non das chegado porque simplesmente non existe. Esa maldita teima por arredar cada día máis o traballo e o lecer das nosas vivendas!. Se queres ir de Ferrol a calquera cidade ou vila galega non tes comboio...e así un longo via crucis de país colonizado. Iso si, grandes autoestradas radiais para comunicármonos coa meseta non fallan. 

O governo galego nen sequera coida que os accesos a tendas de deporte derramadas en polígonos comerciais que antes foron formosos bosques ou gándaras para camiñar con lecer, ou os accesos a polideportivos municipais teñan garantido o achegamento a pé ou en bici e transporte público. Se non tes carro non tes dereito ao deporte. As bebidas gasosas e azucaradas, e a comida lixo e bolos industriais segue campando ás súas anchas polos centros educativos, sociais, culturais e esportivos. (Negocio obriga!). 

Andan por aí algúns científicos que falan da memoria da auga. Parece ser que ésta lembra, os que non parecemos lembrar somos nós

Andan por aí algúns científicos que falan da memoria da auga. Parece ser que ésta lembra, os que non parecemos lembrar somos nós. Eu lembro a miña neneza con morriña porque podía xogar nas rúas e estradas. Cada media hora ou máis pasava un carro e havía que se apartar. Estabamos rodeados de campos, árvores, fontes e regatos. Havía pouca luz pola noite pero moitas luzes polo día. Os nenos non tiñamos nin a metade das obrigas que hoxe nos marcan os adultos: actividades extraescolares, deberes, controis diarios, competicións de fin de semana, livros de obrigada leitura...por ter non tiñamos nin pantallas de ordenador ou tv e tiñamos que ser criativos por forza e non precisavamos orientador, psicólogo nin personal training ou pasantía. Camiñavamos porque non havía carros e podiamos brincar sen perigo. 

Se o governo da Xunta quere un Plano Estratéxico para abaratar o Sergas animando á xente a se mover, a fazer exercicio non ten máis que se procurar a avangarda das cidades habitaveis como Pontevedra onde Lores, un alcalde nacionalista recibe premios internacionais por elo. Mágoa que o partido inmovilista dos populares non colabore agasallando a celulosas Ence cunha prórroga de sesenta anos para poder camiñar cun arrecendente cheiro a ovos podres e camiñar os eucaliptais baleiros de fauna e pasto do lume.

Cando un ten as emocións esmorecentes ou está atrapado nunha paisaxe fea e deturpada onde se rende culto á velocidade e ao feísmo urbanístico, onde non há centros culturais ou esportivos que merezan dignamente ese cualificativo e se premian as grandes superficies do consumismo máis atroz coa comida lixo e o exceso de ruído e luz artificial non se pode aspirar a reducir o gasto do Sergas. Ainda que as persoas nesas cidades onde o carro é o deus parézanse cada día máis ao gas en que as súas moléculas fican pouco ligadas entre elas polas forzas de cohesión. 

Porque o individualismo competitivo e teledirixido leva a unha apatía e inmovilidade que favorece governos abusivos mais tambén persoas co corpo e a mente mórbida. E iso, anque enriqueza ás farmacéuticas coa suba das bombas de protóns do omeprazol, desorbita os gastos do Ser-gas nun país de vellos.

Comentarios