Mobilización xuvenil en Compostela

Mocidade pola Independencia maniféstase na véspera do 25 de Xullo

Compostela acolleu a mobilización xuvenil convocada pola rede de asembleas locais aglutinadas baixo a denominación Mocidade pola Independencia. Centos de mozas e mozos marcharon polas rúas da capital con consignas a prol da liberación nacional da Galiza.

Mobilización de Mocidade pola Independencia
photo_camera Mobilización de Mocidade pola Independencia

A mocidade independentista erguendo Galiza foi o lema da manifestación xuvenil que partiu da Alameda de Compostela pasadas as 20 horas da tarde deste 24 de xullo. Centos de mozas e mozos participaron desta mobilización organizada pola rede de asembleas locais sob a nomenclatura de Mocidade pola Independencia.

A mobilización independentista culminou coa lectura dun manifesto político na Praza de Cervantes e coa actuación musical en acústico do grupo Dakidarría.

No manifesto denunciouse a situación de precariedade “indefinida” dunha mocidade galega condenada á emigración, á explotación en traballos “que apenas permiten sobrevivir”, a un constante desemprego en aumento e á dependencia económica “perpetua”. Unha situación fronte a que reclamaron futuro digno e na terra. Ante esas problemáticas denunciadas no final da mobilización, considerouse “de vital importancia” para o conxunto do movemento independentista galego a unidade da xuventude, e fíxose un chamamento a “todas as mozas galegas a participar nas asembleas comarcais da mocidade, organizadas baixo os principios do independentismo, anticapitalismo, feminismo, antifascismo, defensa da lingua e a cultura, defensa da terra, antiimperialismo e internacionalismo”.

Apelaron ademais a todas e todos os participantes da mobilización a actuar para mudar a realidade material e “a traballar día a día para acadar melloras substanciais nas nosas vidas”.

O patriarcado foi marcado como sistema que combater. Nesa liña, afirmaron que “como mulleres sufrimos agresións diariamente: simbólicas, psicolóxicas, físicas, sexuais... Non só de homes alienados ou do sistema estruturado co obxectivo concreto de oprimirnos para manter os privilexios e o status quo, senón tamén de homes supostamente concienciados e supostos aliados aos que moitas veces resúltalles máis sinxelo aproveitarse dos seus privilexios que desfacerse deles”, denunciaron durante a lectura do manifesto.

Mocidade pola Independencia quixo sinalar tamén o “fascismo encuberto e o recentemente descuberto”, e aseguraron no acto de clausura da mobilización que “os fascistas xa non teñen medo nin vergoña e que aproveitan a necesidade e desesperación das clases populares manipulando rexeitamentos e descontentos lícitos co obxectivo de lexitimar o discurso do odio. O odio entre nós propias”.

Acusaron o fascismo de repregarse cara a un chauvinismo xenófobo que, no caso do Estado español refúxiase na defensa dunha “nación inventada como saída fácil aos problemas comúns”.

O acto rematou tamén con proclamas de solidariedade internacionalista

Así mesmo, aseguraron que na Galiza o problema non vén só polos fascistas “declarados”, senón tamén polos “que levan toda a vida poñéndose unha carauta de demócratas que lles vai grande por todos os lados”.

O acto rematou tamén con proclamas de solidariedade internacionalista condenando as intervencións imperialistas que se foron dando de maneira recorrente ao longo da historia e aínda na actualidade.

Desde Mocidade pola Independencia quixeron tamén lembrar as presas condenadas no Estado español e no resto do mundo por razóns políticas. “Esiximos a liberdade total daquelas persoas que son xulgadas polo mesmo sistema que combaten, sendo este xuíz e parte, o que é a todas luces inxusto. Homes e mulleres que con determinación e valentía antepuxeron os avances colectivos ao seu propio benestar e, en ocasións, á súa propia vida”. Nese sentido, fixeron especial mención ás presas independentistas galegas, “que comparten con nós o obxectivo de liberar a Galiza e iso non é delito”, sinalaron.

A convocatoria desta manifestación xurdiu o pasado 18 de maio no encontro das asembleas abertas locais que conforman esta rede e que tivo lugar en Compostela. Ademais de debateren sobre principios ideolóxicos asentados no soberanismo, feminismo e ecoloxismo, marcaron a data e formato desta manifestación xuvenil que na véspera do Día da Patria Galega percorreu a capital.

Comentarios