A mocidade afronta a nova crise sen saír da anterior

O novo ano sume na incerteza a mocidade galega que, sen aínda deixar de padecer as consecuencias da anterior crise, ve enormes dificultades para desenvolver un proxecto de vida na Galiza poscovid. Nós Diario conversa sobre os retos que abre 2021 con portavocías de mocidade das formacións políticas con representación no Parlamento galego.
A temporalidade e a falta de emprego lastran a emancipación da xuventude galega (Foto: Arxina)
photo_camera A temporalidade e a falta de emprego lastran a emancipación da xuventude galega (Foto: Arxina)

A pandemia mudou radicalmente a forma de vivir e relacionarse dunha mocidade galega que afronta con incerteza a nova crise cando aínda padece os efectos da anterior, pois xa antes da Covid-19 até 6 de cada 10 menores de 34 anos vivían coas súas nais ou pais e 19.996 persoas entre 16 e 34 anos emigraron da Galiza en 2019, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. 

Esta situación e as prioridades de actuación dos Gobernos en materia xuvenil son enxergadas de maneira diferente polas formacións políticas. O presidente de Novas Xeracións, Adrián Pardo, sinala que "na última década o saldo migratorio con respecto á poboación moza foi positivo, viñeron vivir a Galiza 26.000 mozos máis dos que saíron, e en 2019 instaláronse 9.000 máis dos que se foron".

Nunha análise oposta está o secretario xeral de Galiza Nova e deputado do BNG, Paulo Ríos, para quen "a mocidade está a ser expulsada do país" cun "PP que aspira a facer da Galiza un parque temático de turismo de baixo custo", ao tempo que exclama que "do Xacobeo, o que máis importa a Feixoo, non se come".

Paloma Castro, portavoz parlamentar de xuventude do PSdeG, urxe a consolidación de emprego, pois "o traballo xuvenil é precario e non estábel, e isto incide na emigración, xa que a xente marcha en busca de estabilidade", di sobre unha temporalidade que no último trimestre de 2020 alcanzou unha taxa de 58% na mocidade.

Soportar a precariedade

A pandemia deixa datos duros no emprego. A Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre de 2020 amosa que na Galiza a taxa de desemprego xuvenil está en 28%; aumentando dous puntos respecto ao trimestre anterior e case oito respecto en comparación co mesmo trimestre de 2019.

Para Pardo os datos non son comparábeis coa situación que vivía Galiza antes da crise, e destaca que é "a sexta comunidade con menos desemprego xuvenil, con 5 puntos" por baixo da media estatal. "A mellor política social", di o popular, está nas medidas destinadas a crear emprego, e salienta as políticas da Xunta para evitar a destrución de postos de traballo así como o plan do Goberno galego de axudas a profesionais autónomos e pemes.

Pola contra, Ríos acredita en que estes problemas xa existían antes e que a Covid-19 os agravou. "Non se pode usar a pandemia como escusa dos malos datos de emprego e emancipación xuvenil", argumenta.

"O fechamento da hostalaría fixo que moita mocidade, que sobrevivía traballando no sector servizos, sufra agora dobremente", di o nacionalista, chamando a "mudar o modelo", investir en innovación e desenvolvemento, e que "Galiza decida sobre os seus recursos e aposte por rexenerar o tecido industrial para desenvolver traballo de calidade. 

"Non existe ningún plan de choque para as principais problemáticas que atravesa a mocidade: emprego e vivenda", lamenta a voceira socialista. Castro exixe á Xunta "un plan de vivenda que mellore o existente, por ineficaz", así como subvencionar empresas que contraten xente nova para mellorar a empregabilidade, pór en marcha axudas á mocidade para optar a financiamento de proxectos, e investir en I+D+i para dar continuidade á formación e poder investigar na Galiza

Co idioma nas súas mans

"Nos últimos anos logramos o maior índice de coñecemento do galego da nosa historia, cunha comprensión oral case 100% e escrita do 83%", sinala Pardo sobre a situación do galego entre a mocidade.

Para Ríos, porén, "a Xunta relega o noso idioma a unha suposta elección libre que non é, xa que 99,9% dos estímulos que recibimos e están en español, cun peso importante do decretazo de Feixoo no ensino para apartar o galego". Paloma Castro bota en falta que se potencie o galego, cunha TVG "sen contidos atractivos para a mocidade". 

Responsábeis

Os tres políticos concordan en que o comportamento da mocidade foi e é exemplar na pandemia. Porén, tanto Ríos como Castro acusan Feixoo de ter apuntado inxustamente a mocidade como responsábel dos contaxios. A socialista reprende Feixoo por “botar balóns fóra contra a xuventude e os Concellos” en lugar de a Xunta responsabilizarse da falla de rastrexadores. 

Comentarios