Mobilizacións na Galiza contra os recortes “machistas” e as “sancións discrecionais” impulsadas pola patronal das antigas caixas

CIG concentrouse diante de oficinas de Abanca, Bankia e CaixaBank.

Protestas da CIG diante de sucursais bancarias (Foto: Arxina)
photo_camera (Foto: Arxina)

A Federación de Banca da CIG desenvolveu unha xornada de mobilizacións esta quinta feira en demanda dun convenio colectivo de Aforro digno e para rexeitar os recortes “que pretende impor a patronal das antigas caixas (agrupadas na CECA), que afectan principalmente ás condicións laborais e salariais das traballadoras”.

A central sindical advirte que a patronal tamén busca estender nesta negociación o código disciplinario “para poder sancionar o persoal por non cumprir os obxectivos de colocación de produtos que, subliñan, a clientela non demanda”.

A xornada de protestas realizouse en Santiago de Compostela e comezou cunha concentración diante da oficina de Abanca situada na rúa Montero Ríos, para despois continuar diante da oficina de Bankia do Hórreo e rematar no CaixaBank da rúa da Senra. Dende a CIG-Banca xa advertiron que este é o inicio dun proceso de mobilizacións para facer fronte aos recortes que pretende impor a CECA, aproveitándose da limitación da ultravixencia introducida pola reforma laboral do PP.

A patronal das antigas caixas de aforro quere, denuncia o sindicato, recortar dereitos que afectan principalmente ás traballadoras, que son as que xa sofren unha discriminación en materia de carreira profesional e, polo tanto, de salarios.

Ademais, denuncian, pretende estender o código disciplinario e establecer un modelo de organización "no que calquera superior pode aplicar o que até agora eran sancións, sen ningún tipo de garantía, e simplemente por non cumprir os obxectivos de colocación de produtos que a clientela non demanda".

Comentarios