SOCIAL

Denuncian campaña de criminalización ante detención de independentistas

Con motivo das catro detencións producidas na Galiza pola Garda Civil no marco da operación denominada ‘Lusista’ celebráronse esta segunda feira 17 de xuño até oito concentracións de solidariedade convocadas polo movemento anti-represivo galego.

O obxectivo das mesmas foi tamén denunciar o que sinalan como unha campaña política e mediática de criminalización desenvolvida desde que se produciron as detencións de Antom G.M ‘Toninho’, Asunción L.C., Miguel G.N e Joam M.S durante o pasado sábado e domingo, os dous primeiros baixo acusación de dirixir Resistencia Galega e os dous segundos de colaboración con ela. As concentracións realizáronse esta segunda feira 17 de xuño en Vigo, Lugo, Pontevdra, A Coruña, Ourense, Compostela, Ferrol e Burela. Nelas denunciouse a aplicación da lei antiterrorista a estas catro persoas e a conculcación dos dereitos humanos que supón mantelas en incomunicación en Madrid durante tres ou catro días, sen dereito a seren asistidas por unha avogada ou avogado, até que sexan postas a disposición dun órgano xudicial.

Desde o soberanismo volveuse denunciar a Lei Antiterrorista española por tratarse dun marco xurídico excepcional que que vulnera dereitos fundamentais das persoas detidas e ademais, amosouse preocupación por unha nova campaña mediática e política de alarmismo e criminalización.

Imaxes de Galiza Contrainfo, Briga, Isca e Causa Galiza. 

 

Comentarios