Mobilización ante os xulgados de Corcubión por negar o dereito a galeguizar os apelidos

Será esta segunda feira, 3 de abril, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Unha veciña solicitou galeguizar o seu segundo apelido, negándose a iso o Rexistro Civil.

1629474481933cf01bda6o-A Mesa

Unha estudante solicitou o 23 de agosto de 2016 no Rexistro Civil de Corcubión a galeguización do seu segundo apelido “Rey” co fin de que constase coa forma “Rei”. Segundo informa A Mesa, esta rapaza achegou ademais un informe onomástico da Real Academia Galega no que se afirma que “a única forma adecuada á gramática e fonética do galego para este apelido é Rei”.

Porén, a resposta do Rexistro Civil foi negativa, argumentando que “non é unha adecuación ortográfica para adecualo á gramática da lingua galega senón un cambio de apelido pois considera que Rey pertence “ao acervo nacional”.

Para A Mesa, estamos perante un “caso grave” de incumprimento da Lei 40/1999 sobre nome e apelidos e orde destes. “É inadmisíbel que se poñan atrancos á galeguización do nome e dos apelidos”.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, declarou que “o dereito a chamarte polo nome na túa lingua propia está recoñecido tamén a nivel internacional. Segundo recolle o Convenio-marco para a protección das Minorías Nacionais no seu artigo 11.1: “As Partes comprométense a recoñecer a toda persoa que pertenza a unha minoría o dereito a empregar o seu apelido e os seus nomes na lingua minorizada, así como o dereito ao recoñecemento oficial de aqueles, segundo as modalidades previstas no seu ordenamento xurídico”.

Para denunciar este caso e defender o dereito a galeguizar nomes e apelidos, A Mesa convoca para esta segunda feira, día 3 de abril, ás 12 horas unha mobilización diante dos Xulgados de Corcubión.

Comentarios