A mobilización españolista pincha: 45.000 persoas en Madrid

A manifestación españolista deste domingo na madrileña praza Colón resultou un pinchazo á vista do número de persoas que a secundaron: 45.000 mil. E isto malia os autobuses fretados polos partidos convocantes: PP, Ciudadanos e Vox, aos que se sumaron outras forzas de ultradereita.

DzDQOWgX0AE31xy
photo_camera [Imaxe: Pablo Casado]

A mobilización convocada polo PP, Ciudadanos e Vox en Madrid reuniu 45.000 mil persoas -entre as que se atopaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo- para protestar contra a política de Pedro Sánchez a respecto de Catalunya e para esixir eleccións xa. As e os participantes foron inferiores que outras protestas semellantes organizadas noutros anos, mais, aínda así, os convocantes amosáronse satisfeitos porque prevían, din, reunir 20.000 persoas.

Foron tres xornalistas os encargados de ler o manifesto da concentración –María Claver, Albert Castillón e Carlos Cuesta–, que salientou o “máis enérxico rexeitamento á traizón perpetrada polo Goberno de España en Catalunya”. Un papel que ven “unha humillación” sen precedentes. O texto aludía a “meses de constantes cesións intolerábeis de Pedro Sánchez ao independentismo”.

Entre as “traizóns” citadas: o traslado das presas e presos políticos en Catalunya; as reunións entre Goberno central e Govern catalán; a rebaixa da acusación da Avogacía Xeral do Estado; a figura do relator ou as negociacións para aprobar os orzamentos xerais “ofrecendo a cambio a soberanía nacional”. Aliás, acusouse Sánchez de poñer en risco “a vixencia da Constitución” e a “unidade do Estado”.

Reaccións dos partidos

O líder do PP, Pablo Casado, chamou a manter a mobilización até o 26 de maio, “podemos pasar destas prazas ás urnas dentro de 100 días”, dixo á respeito da convocatoria de eleccións, “que o resultado eleitoral sexa unha censura do goberno socialista de Pedro Sánchez”.

Pola súa banda, Albert Rivera, presidente de Ciudadanos, afirmou que a concentración “marca un antes e un despois”. “Os españois queremos ir votar e elixir un goberno constitucionalista”, salientou. Advertiu de que convocarán novas mobilizacións se Sánchez “permite que os separatismos marquen o camiño e se pretende negociar os orzamentos en prisión”.

O líder de Vox, Santiago Abascal, reclamou a suspensión da autonomía de Catalunya, a desarticulación das “bandas mafiosas en Catalunya” –en referencia aos CDR– e insistiu en reclamar eleccións.

Ao rematar a lectura do texto, os dirixentes de PP, Ciudadanos e Vox fixeron unha fotografía de familia namentres soaba o himno español.

Comentarios