O Mobile World, a piques de suspenderse polo coronavirus

A organización do Mobile World Congress comunicará na sexta feira, 14 de febreiro, se suspende o evento por mor do coronavirus. Quince empresas deron xa de baixa a súa participación para evitar viaxes.
Un dos pabillóns do Mobile World Congress, o ano pasado (Imaxe: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Un dos pabillóns do Mobile World Congress, o ano pasado (Imaxe: David Zorrakino / Europa Press)

A entidade organizadora do Mobile World Congress, o maior evento mundial de tecnoloxía móbil e que se realiza en Barcelona desde o ano 2006, decidirá na sexta feira, 14 de febreiro, se cancela o evento na capital catalá. Até o momento, tanto a organización como a Generalitat manteñen avante a data anunciada: do 24 ao 27 de febreiro. 

De confirmarse a suspensión non será esta debida ao pulso soberanista catalán, como prognosticaban as forzas "constitucionalistas" españolas durante as anteriores edicións do evento, senón que se cancelará por mor da crise sanitaria  mundial que está a provocar o coronavirus. Un total de 15 empresas xa cancelaron a súa participación no Mobile World Congress polo virus. 

As primeiras corporacións que anunciaron a súa ausencia foron a surcoreana LG, a finlandesa Ericsson e as norteamericanas Amazon e Nvidia. A comezos desta semana coñeceuse que tampouco acudirían ao evento as chinesas Umidigi e Ulefone, as xaponesas Sony e NTT DoCoMo e a alemá Gigaset.

As empresas Facebook, Intel, Vivo, Amdocs, CoomScope e Panorama Software suspenderon onte a súa asistencia. Amdocs comunicou a decisión aseverando que o fai para priorizar a saúde e a seguridade das súas traballadoras e traballadores, persoas asociadas e clientas. 

Quen si confirmaron que estarán no macroevento son Samsung e Xiaomi. Esta última avisou ademais de que reforzaría as medidas de prevención sanitarias. Orange e Seat tamén acudirán. 

Desde a Organización Mundial da Saúde (OMS) reiteraron onte que as restricións de viaxes e de intercambios comerciais "non son necesarias". A directora de Saúde Pública da OMS, María Neira, asegurou que "hai medidas que se terían que analizar desde unha óptica máis lóxica e menos baseadas no pánico". 

Comentarios