Opinión

Misterios

O fenómeno rara vez se fai agardar. En canto unha muller destaca nun ámbito que “non lle corresponde” (é dicir, fóra de cousas que teñan que ver co aspecto físico ou co doméstico) aparece un grupo de señores sisudos a tentar desentrañar o misterioso fenómeno. Normalmente, as explicacións máis verosímiles son ou que ten unha influencia dalgún home prestixioso ou que en realidade o mérito é todo del.

Como non podía ser doutra maneira, o coro comentarista de señore[o]s non se fixo agardar tras a irrupción electoral do Bloque da man de Ana Pontón. Resumir o traballo dunha muller con identidade e liderado propio a “un sorriso” ou ao servilismo aos ditados do partido, resulta verdadeiramente lamentable. Un ávido comentarista indicaba que se cadra era “a bioloxía ou a cultura” a que fixera de Pontón mellor líder. Outro lamentaba que, estando na organización dende os 16 anos, non era posible que tivese un discurso propio e engadía que ao final Pontón caía no mesmo discurso do orgullo de nacer no rural. Gustaríame ler este comentario ao fío do traballo dalgún home. Non sei dende cando a experiencia, o compromiso continuado cunhas causas, o coñecer en carne propia o que é organizar e convivir con persoas é un detrimento. Moito menos, nacer no rural e desenvolver dende aí unha conciencia política. Se fose unha muller urbana, o criticable sería sen dúbida o contrario.

Todo isto para non admitir que, simplemente, Pontón é unha líder con intelixencia, discurso propio, traballadora e próxima que foi quen de facer o que eles, os señores, non deron. É unha persoa que sabe ler as claves de país dende outra óptica, a súa. Sabe comunicar, transmitir, conectar. Empeza, por certo, creando comunidade con quen ten preto, recoñecendo o traballo de todas as mulleres que a acompañan, rodeándose delas, afianzando o seu liderado nun traballo colectivo nutrido e nutricio. Se cadra porque -e esta é a miña contribución a resolver o misterio- pasou máis tempo traballando niso que en medir o seu ego contra o doutras persoas, como adoitan facer Os líderes. Con admitilo era moito máis doado e aforrábase moita tinta. Se cadra é tempo de valorar o traballo das mulleres polo que son, o que fan, os obstáculos que superaron -maiores sempre ca os deles, por se nos esquecemos con tanta disquisición nacionalista vella-. Ou, non sendo así, como dicía Carmiña Vacaloura, do que non se pode falar o mellor é sempre calar.

Comentarios