'Os nomes do Terror'

Miro Cerredelo: “Os curas da Limia afiliáronse masivamente a Falanxe”

Edelmiro Martínez Cerredelo (Xinzo de Limia, 1946) leva moitos anos empeñado en recuperar a historia da comarca da Limia. Autor, entre outros traballos de Historia e memoria. A Limia:1931-1953  publica en Nós Diario un traballo sobre os vitimarios nesa comarca no marco do coleccionábel Os nomes do Terror.
photo_camera Edelmiro F. Cerredelo (Foto: Nós Diario)

Leva moitos anos investigando a represión na comarca da Limia, que destacarías da mesma e cal foi o seu alcance?

A investigación sobre o acontecido durante a II República, o golpe de Estado e a posguerra fíxena nun intenso período de cinco anos, desde o ano 2003 ao 2008. A investigación abarcou aos 11 concellos da comarca, que creo puxo a disposición dos veciños, un rigoroso e detallado relato do sucedido na Limia naqueles anos, relato do que, lamentabelmente, moitas comarcas galegas carecen. A miña maior sorpresa e desgusto foi descubrir que durante os anos da República, na Limia, non ocorreron sucesos ou acontecementos que puideran xustificar os asasinatos, a violencia e a brutal represión desatada polos golpistas.

Sinala no seu traballo que o suceso máis recordado da represión en Xinzo é o asasinato do concelleiro socialista, Cándido Fernández García, que nos pode comentar diso?

De como foi a súa detención e asasinato está relatado no meu artigo. Cándido Fernández viñera coa súa familia de Arxentina  foi un destacado militante socialista e do sindicato da UGT, concelleiro e tenente alcalde do concello de Xinzo no período republicano.  Cando dous veciños da súa aldea morreron nas obras da vía en Vilar de Barrio, foi organizador dun impresionante enterro até o cemiterio de Xinzo, o día 18 de xullo de 1936. Desde Baronzás veu até o cemiterio de Xinzo unha comitiva formada por multitude de obreiros da vía en formación e tamén numerosos políticos locais e provinciais membros da Fronte Popular. O  cadaleito é portado polos seus compañeiros, catro mulleres vestidas de marrón- alegoría da república?- suxeitan os cordóns funerarios e unha filla de Cándido abría a comitiva coa bandeira republicana.No cemiterio pronunciou un mitin Enriqueta Iglesias Meana “La Camarada”. Os falanxistas de Xinzo distribuíran armas entre os seus afiliados e simpatizantes, que, con pistolas no peto, asistiron de lonxe ao enterro dispostos a intervir se se producían provocacións ou alteracións da orde. Cándido debeu ter un importante papel como organizador do devandito enterro o que de seguro foi unha das posíbeis causas do seu tráxico asasinato en datas posteriores. El e outras dúas fillas xa tiñan todo preparada para volver a Arxentina, á que xa viaxaran uns días antes a súa muller e outros fillos.

Meses antes do golpe de Estado, da Garda Civil, falanxistas e militantes da dereita conspiraban na Limia contra a República

Repara no seu artigo na formalización da estrutura paramilitar, cando entran en acción as milicias falanxistas na Limia e como foi o seu proceso de constitución?

Meses antes do golpe de Estado, xa membros da Garda Civil, falanxistas e militantes da dereita estaban a conspirar contra a República á que xuraran fidelidade.  Xa no mes de febreiro o médico  Emilio García, comprometerase co tenente da Garda Civil, Ricardo Bazán, para saír á rúa con el en calquera movemento militar tan pronto se iniciara, como efectivamente o fixo co alférez da Garda Civil de Xinzo, Francisco Piñel e o tenente de Carabineiros Aquilino López Deus. Tamén se ofrecera ao xefe da Falanxe de Xinzo, Xosé Campos, médico de Baltar, militante do PRR, aportando toda clase de donativos e sendo un dos primeiros colaboradores co mestre de Sampaio, Xosé Mª Campos,  que estaban de acordo con outros amigos para intervir en favor do mesmo, dispostos a contribuír ao paso de armas e todo o necesario pola fronteira portuguesa, poñendo o seu capital a mercé dos rebeldes. Ou o cura de Tosende, Manuel Quintela, que tamén participou na conspiración e se ofreceu para cooperar co mestre Nicolás Barja a buscar xente e ofrecendo o seu capital para dar o golpe a favor do indicado movemento. Que a Falanxe da Limia viña preparando o golpe sabémolo polo falanxista Nicolás Barja que con Xosé María Penín, mestre de Sandiás, percorreron varios postos da fronteira, en servizo de Falanxe, para preparar o paso de armas tan necesarias naqueles momentos a principios do mes de Xullo.

Refírese na súa investigación ao papel que xogan algúns párrocos na organización, que nos pode adiantar diso?

Parece ser que maioría dos curas da Limia, afiliáronse masivamente a Falanxe e contribuíron, moitas veces, cos seus falsos e calumniosos informes ás condenas e represalias  de moitos dos seus frégueses. Moitos deles co fusil ao lombo e a pistola na cintura acompañaron aos milicianos nas súas descubertas pola Limia. Esta actitude e falta de humanidade foi unha das cousas que máis me sorprendeu e desgustou durante as miñas investigacións. 

As milicias en Xinzo foron organizadas polo tenente de carabineiros, Aquilino López, o alférez da Garda Civil Francisco Piñel e o xefe da Falanxe de Xinzo.

Que nos pode contar do papel dos militares e máis concretamente da Garda Civil no aparello represivo na Limia?

Feita en Ourense a declaración de estado de guerra, seguidamente falanxistas e requetés, xunto con “elementos de orde” non encadrados en ningunha organización, concentráronse no concello de Xinzo -sede da Comandancia Militar-, para poñerse á disposición dos golpistas, todos eles foron armados nestes primeiros días e organizadas as milicias dispostas a controlar a comarca. Os golpistas de Xinzo sumáronse rapidamente ás columnas organizadas para a persecución de agachados e fuxidos; recorreron os pobos e aldeas da comarca facendo detencións e algúns disparos ao aire para desalentar calquera intento de resistencia. As patrullas estaban formadas por falanxistas, paisanos “elementos de orde”, organizados en improvisadas milicias das JAP, tradicionalistas, gardas civís, carabineiros e militares do Rexemento de Infantería Zaragoza nº 30, que, na maior parte das veces, actuaban conxuntamente.

As milicias en Xinzo foron organizadas polo tenente de carabineiros, Aquilino López, o alférez da Garda Civil Francisco Piñel e o xefe da Falanxe de Xinzo; no resto dos concellos, onde non estaba organizada a Falanxe, foron os comandantes de posto da Garda Civil os encargados de organizalas.

Os nomes do Terror

O 3 de novembro principiou unha nova achega de Nós Diario arredor dos vitimarios. A publicación, que se vai distribuír co xornal de terzas a sextas feiras ao longo dos meses de novembro e decembro, recolle 34 traballos de 23 autores sobre os verdugos nos primeiros anos do franquismo. O coleccionábel Os nomes de terror vén ser continuación dun volume do mesmo título publicado por Sermos Galiza S.A. en 2017 e, como daquela, tenta deitar luz sobre un período da historia aínda hoxe incómodo ao poder e favorecer un debate público sobre unha cuestión que a oficialidade continúa mantendo nas marxes.

Comentarios