Opinión

Mirar polo noso

Galicia non ten Gobernos amigos nin inimigos. Ten intereses. E éstes nunca tan pouco pesaron na toma de decisións do Estado. Malia que nas  pasadas eleccións nacionais o PP de Feijóo validara a súa maioría absoluta con máis do 47% dos votos. Un resultado inédito na actual conxuntura política estatal.

Somos só o 5,5% do PIB estatal e o 6% da súa poboación. Ao non ter número haberíamos potenciar a nosa identidade, a nosa diferenza, constituir nós mesmos un problema para España digno de atender e resolver. Mais Feijóo dedícase a facer oposición da oposición dentro e a compracer os medios e opinadores estatais coa súa retórica unionista que tanto dano nos fai. 

Feijóo dedícase a facer oposición da oposición dentro e a compracer os medios e opinadores estatais coa súa retórica unionista que tanto dano nos fai

Velaí o caso do noso expolio enerxético. Despois de atender o noso consumo exportamos 38% da enerxía que producimos con tantos sacrificios económicos e ambientais. Mais non podemos usar dese excedente para atraer investimentos industriais potentes, porque a tarifa única nos obriga a pagar o mesmo ca o resto dos consumidores do Estado. E, para máis, temos 5,4 veces máis cortes de luz ca en Madrid porque o estado das nosas redes e a atención do seu mantemento é o peor do Estado. Pois ben, para o presidente Feijóo non podemos esixir o dereito a decidir sobre a tarifa eléctrica e sobre ese excedente que podería darlle tanto pulo industrial á nosa economía. Non podemos porque, como dixo este día, “ninguén na España entendería unha tarifa eléctrica galega distinta”.

Se falamos de mobilidade vemos como a conexión entre as áreas urbanas que abranguen 60% da poboación deste país (a AP-9) grava con cadanseus 30 € e 36 € de peaxe as viaxes entre A Coruña e Ferrol con Vigo, mentres a conexión entre as capitais castelás e andaluzas é de balde. Case 30% das multas do Estado caénlle aos condutores galegos, porque temos a poboación máis espallada e a menor cobertura de transporte público ferroviario.

Os nosos portos son estratéxicos entre Norteamérica, a canle de Panamá  e o Norte de Europa. Mais esta conexión non dá rendemento, porque Madrid xestiona os nosos portos en beneficio do Mediterráneo e de Alxeciras e pola ausencia de axeitadas comunicacións ferroviarias entre os portos e Europa, vía eixo cantábrico.

Puxemos a Feijóo para mirar polo noso. E mira polo de outros.

Comentarios