Opinión

Miradas furtivas

Ás agachadas, querendo e non querendo e disimulando a necesidade de facer boas as derrotas dos rivais. Así é o mirar pausado -e forzado- do Celta no que vai de tempada. Inevitablemente asentado nunha montaña rusa de resultados e xogo, a imprevisibilidade do equipo está intimamente ligada ao acerto ou error dos contendentes polas posicións europeas.

E nesta xornada que agora remata, como nas anteriores a conclusión vén sendo a mesma: no saco dos contrincantes por Europa, o menos malo gaña. Nesta fin de semana o 'gordo' tocou en Girona e Villarreal, únicos equipos capaces de defender -e aumentar- a vantaxe cos competidores. Como se dunha etapa ciclista de alta montaña se tratase, os escapados do pelotón caen para dar paso a outros e así até chegar ao sprint final onde todos queren entrar primeiros na meta. Unha vitoria son máis de tres puntos pero quen perde dous partidos seguidos, perde o compás do grupo. Espanyol e Athletic aparecen agora da nada coa súa candidatura a esa sétima praza, que semella un premio máis cotizado que a propia Champions League.

No saco dos contrincantes por Europa, o menos malo gaña

 

Málaga (casa), Athletic (fóra), Sevilla (c), Leganes (f), Barça (c), Valencia (c), Villarreal (f), Dépor (c), Real Madrid (f) e Levante (c) son os portos polos que o Celta ten que pasar até a meta final. Seis partidos na casa e cinco fóra. Rivais semi-directos e equipos 'doutras ligas', todos necesitados e todos buscando puntos debaixo das pedras. A batalla final comeza a falta de 10 partidos para colgar o cartel de 'vacacións' e o que fraquee perde. Non quedan momentos para lamentarse e só para empurrar forte e chegar mental e fisicamente sólidos para o derradeiro empurrón. As dúbidas, as inseguridades e as luces intermitentes convén deixadas arrinconadas até xuño. O Barça e o Malaga, o primeiro e o último, igual de difíciles e igual de necesaria a súa vitoria. Como dirían os tópicos do fútbol: "non hai rival pequeno... nin rival invencíbel" e o Celta debe repetir isto coma un mantra até o último folgo.

O Atletico foi unha pedra dura de bater no camiño, quizáis neste momento o rival máis en forma da liga. E o Celta non fixo un partido tan desastroso como o resultado indica. Xogou unha boa primeira metade, concentrado e serio en defensa e en ataque, falto de contundencia, iso si. A pesar do gol (precedido dunha falta clamorosa a Pablo Hernández) o equipo foi quen de non perderlle a cara ao partido e tivo o empate nas botas de Radoja e Aspas. Pero a pegada do Atletico deixou ao Celta fóra de xogo despois do segundo gol e o terceiro foi xa definitivo.

Ao Celta só lle queda fronte ao Malaga repetir as boas cousas que o equipo fixo contra o Atletico, corrixir os erros e plantarse en Balaídos coa determinación e a intensidade dos gañadores. Sen deixar de mirar de esguello, centrarse na final da recta, esa que albisca Europa como a única meta posible.

  

Comentarios