Goberno español e Xunta ensaríllanse sobre os floteis de Pemex mentres o naval volve á rúa

José Manuel Soria recoñeceu nos corredores do Congreso español que o convenio entre Pemex e a Xunta sinala que nos estaleiros galegos "farase parte dun flotel" e non os 2 prometidos por Feijóo. O propio ministerio recuou pouco despois para dicir que todo foi un "erro lingüístico".

Manifestación do naval
photo_camera [Imaxe: S.P.]

O acordo asinado entre a multinacional mexicana Pemex e a Xunta de Galiza contempla a construción de parte dun só flotel. Así o afirmou nos corredores do Congreso español o ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria a preguntas dos xornalistas. Unhas declaracións que causaron  abraio pois o goberno galego levaba insistindo desde hai máis dun ano que os floteis que Pemex vai construír en Galiza eran dous: un en Navantia e outro en Barreras.

Por iso, o Ministerio de Industria rectificou pouco despois e atribuíu a un erro as declaracións de Soria. Desde a Xunta afirmouse, mentres, que os 2 floteis ían vir para estaleiros galegos.

Pemex adiou a semana pasada, por cuarta vez, o proceso de adxudicación destes dous floteis. A nova data é o 30 de decembro. Pola construción destes buques compiten varias ofertas, non só a de Galiza. Unha realidade que bota por terra as declaracións de Feijóo en outubro de 2012 de que a contratación dos buques era algo feito.

O naval, nas rías, máis unha vez

As declaracións de Soria producíronse ao tempo que nas rúas de Ferrol milleiros de operarios do Naval exixían carga de traballo. Unha mobilización que se produce horas despois do protesto multitudinario no que os traballadores cortaon a AP9 ao tráfico e advertiron o goberno que a paciencia xa se esgotara.

Comentarios