Exclúe as linguas cooficiais

O ministerio convoca un premio para traballos universitarios do Estado só en castelán

O Certame Arquímedes ten como obxectivo “fomentar a investigación científica entre os estudantes universitarios premiando os mellores traballos de investigación en todas as áreas do coñecemento levados a cabo por alumnos de grao e mestrado das universidades españolas”. Convoca o Ministerio de Educación e exclúe as linguas cooficiais do Estado: “O traballo de investigación debe estar redactado en castelán”.
TFG castelán 2
photo_camera Detalle da información sobre o Certame Arquímedes que ofrece o web do Ministerio de Educación.

O galardón diríxese a “estudantes universitarios matriculados durante o curso 2018-2019 en universidades españolas que impartan titulacións oficiais” matriculados “en estudos de grao e mestrado”. As investigacións susceptíbeis de seren premiadas poden proceder das áreas das ciencias biolóxicas e biomédicas, das ciencias experimentais, exactas e ambientais, das ciencias sociais e humanidades ou de enxeñaría e arqitectura. O que non poden é estar nin en galego, nin en catalán, nin en euskera.

E iso que o ministerio reparte 25 premios con dotación económica, catro estancias en centros de investigación e cinco premios a titores. O prazo de presentación rematou o pasado 19 de agosto. Nesta ligazón atópanse as bases completas: http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/estudiantes/premios/universitarios/certamen-universitario-arquimedes.html#dg1

Comentarios