Mini e Nao poñen música á campaña de Nós-Candidatura Galega cun vídeo que xa é viral

O candidato ao Senado e referente da música tradicional galega interpreta xunto á banda de rock un tema titulado “Nós, porque este soño é necesario para un soño”. En poucas horas, a canción tivo miles de visitas e visualizacións nas redes. Vídeo no interior

Nós-Candidatura Galega enceta a última semana de campaña cunha dose de música a cargo de Xosé Luís Rivas 'Mini', candidato da formación ao Senado, xunto á banda de rock 'Nao' e Navia Rivas. A canción –titulada “Nós, porque este soño é necesario para un soño”– converteuse en viral, con miles de visitas e visualizacións desde a súa publicación este domingo ás 19 horas.

Os autores din que foi pensada como un “himno reivindicativo e do orgullo do que somos como pobo”, no que conectan estilos musicais e xeracionais diferentes cun mesmo desexo común. A letra da canción declama a necesidade dunha voz propia no Congreso “porque Galiza non atura máis silencios”.

Nós asegura que todas as persoas que participan no vídeo son militantes ou simpatizantes da candidatura e que “volve deixar claro o total compromiso coa creatividade e co talento do país”. Durante a campaña, numerosos artistas galegos realizaron obras para mostrar o seu apoio á formación nacionalista.

Comentarios