A minaría ameaza con arrasar as montañas dos Ancares e Burón

Buscan ouro, cinc, cobre, prata e chumbo e queren atopalo nos concellos da Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá, terras dos Ancares e Burón de especial riqueza natural e agrícola. A empresa Goldquest Ibérica está á espera da resolución da Xunta sobre a solicitude de exploración mineira Lago II, unha ameaza que sobrevoa a montaña de Lugo, máis de once mil hectáreas con zonas protexidas. Os valores naturais, patrimoniais e socioeconómicos son os argumentos das alegacións presentadas por Adega.  

Ancares
photo_camera Ancares

A Asociación Ecoloxista Adega presentou alegacións co fin de impedir que se lle conceda permiso á empresa Goldquest para a exploración mineira das terras da montaña de Lugo. Os valores naturais, patrimoniais e socioeconómicos da extensión afectada son os argumentos que puxeron sobre a mesa para que a Consellaría de Industria estableza zonas “non rexistrábeis” e as deixe fóra da investigación das empresas mineiras.  Reclaman á Xunta tamén que non se conceda ningún permiso mentres non se aprobe o Plan de Minería nin se constitúa o Consello da Minaría que recolle a lei. 

“Neste momento atopámonos na fase inicial. A empresa pide permiso para explorar a zona e, cando o consiga terán un ano para recoller mostras e facer os estudos máis outro de prórroga. Se lles interesa, pasarán á fase do permiso de investigación na que se centrarán nas zonas de maior interese, onde atoparan algunha veta ou filón. Nesta fase poderían remover terra ou facer catas” explica o secretario de Adega en Lugo e veciño de Baralla, Lois Toirán, sobre o momento no que se atopa a ameaza da mina que pende sobre a montaña de Lugo, unha ampliación que multiplica as terras sobre as que a empresa transnacional mineira mostra interese. 

"Atravesa todo o concello de Baralla, uns vinte quilómetros de norte a sur. Fai honra ao que se di que Galiza é unha mina. Queren investigar Becerrerá, Baralla, Baleira e a Fonsagrada na zona de exploración"

Adega presenta agora alegacións ao proceso de exploración Lago II, unha ampliación do Lago,  o que toma o nome da aldea de Becerreá en límite con Baralla na que se fixo a primeira investigación con resultado positivo para a empresa. O obxectivo de Lago II é comprobar até onde chega a veta xa atopada. “Entre as dúas hai unha boa diferencia. A primeira é considerábel, mais moi pequena se a comparamos con Lago II, que vai do sureste a noreste atravesando todo o concello de Baralla, uns vinte quilómetros de norte a sur. Fai honra ao que se di que Galiza é unha mina. Queren investigar Becerrerá, Baralla, Baleira e a Fonsagrada na zona de exploración. Desde a Xunta non se lle pon límites” comenta Toirán. 

11.088 hectáreas con zonas protexidas

Investigarán con intención de aproveitamento mineiro terras que son susceptíbeis de ser protexidas como Rede Natura, con valores naturais e ecolóxicos. “Coincide cos límites entre Baleira, Baralla ou Fonsagrada, unha zona a que tiña que estar prohibido a explotación mineira. A zona é tan ampla que chega a menos dun quilómetro da Rede Natura” comenta Toirán mentres denuncia que non haxa restrición algunha para desenvolver os proxectos. “Poderían mesmo chegar ao centro da vila do Cádavo e facer as súas investigacións, iso explica a febre de solicitudes en toda Galiza”.  A superficie afectada polo proxecto Lago II exténdese por 11.088 hectáreas e invade áreas protexidas pola Reserva da Biosfera Río Eo - Os Oscos - Terra de Burón e pola Reserva da Biosfera Terras do Miño, declaradas pola UNESCO.

"Nas terras que a empresa quere investigar atópanse as cabeceiras dos ríos Eo e Neira"

Nas terras que a empresa quere investigar atópanse as cabeceiras dos ríos Eo e Neira, aínda que tamén afecta unha zona do Miño. “Toda a xeografía do Eo está protexida mais o nacemento do Neira está proposto para ser Rede Natura. A zona de explotación céntrase tamén nas augas que recolle o río Neira, é dicir, tamén os afluentes” explica Toirán, alertando ao tempo do perigo para a saúde pública xa que a poboación de Baralla súrtese de augas deste río. 

“Este tipo de mina, en especial se atopan ouro, é susceptíbel de afectar á auga da traída de Baralla e mesmo se podería producir un accidente ou verquido. Por esta razón, non se debía permitir nin tan sequera a exploración” defenden nas alegacións presentadas por Adega que tamén se centran no valor agropecuario das terras do Val de Neira, unha comarca agrícola que, ao seu ver, tiña que quedar á marxe de calquera intento de explotación mineira. 

"O Concello de Baralla aprobou por unanimidade unha moción do BNG na que se manifesta a oposición a este tipo de minería"

O Concello de Baralla aprobou por unanimidade unha moción do BNG na que se manifesta a oposición a este tipo de minería e vaise dirixir á Xunta para que non se lle outorguen licencias á empresa. 

Nas alegacións presentadas por Adega denúnciase que a actividade mineira mundial está a ser controlada por un grupo pequeno de empresas transnacionais e responde a un modelo colonial. “O beneficio sae cara os propios grupos inversores mentres nos zonas onde se realiza a actividade deixan graves danos medioambientais que lastran o seu desenvolvemento durante xeracións. A necesidade de grandes beneficios en pouco tempo fai que intenten empregar as técnicas de explotación máis rendibles, que acostuman non coincidir cos métodos con tecnoloxía máis punteira, con menor impacto e máis seguros” denuncia a asociación ecoloxista. 

Comentarios