Vanessa Somoza, número 1 de En Común-Unidas Podemos por Lugo

"Defenderei a permanencia de Alcoa con todos os seus postos de traballo"

Vanessa Somoza é artista plástica e deseñadora gráfica. Naceu hai 42 en Lugo, cidade na que actualmente reside. Traballou varios anos en centros de convivencia da cidade, “con xente de distintas idades e estratos sociais, o que me fixo coñecer en profundidade as diferentes problemáticas da cidadanía”, afirma. Involucrouse desde nova en movementos como o Non á Guerra, o Nunca Máis e o 15M. No ano 2015 formou parte da candidatura ao concello de Lugo de ACE-Esquerda Unida e en 2016 foi candidata ao Congreso pola coalición de EU-Podemos-A Nova-Equo.

vanessa lugo
photo_camera Vanessa Somoza

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

O pobo galego xógase o presente e o futuro. Estamos ante unhas eleccións que engloban un proceso constituínte a propósito do país que queremos: ou seguir na decadencia á que nos levou o bipartidismo (sen emprego, servizos públicos nin dereitos); ou elixir o camiño cara a unha sociedade máis xusta e equitativa. Nun ambiente tan polarizado temos que posicionarnos e expresar o noso sentir.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Creo firmemente que estivo ben representada polos meus compañeiros e compañeiras, que mesmo foron premiados no Congreso polo seu traballo.

Os meus compañeiros e compañeiras puxeron a Galiza en primeira liña

Puxeron a Galiza en primeira liña e defenderon radicalmente as vítimas do accidente do Alvia en Angrois, os traballadores e traballadoras de Alcoa, Isowat, Poligal, os pescadores de Long Hope… posicionándose claramente do lado das necesidades das galegas e galegos.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Os principais problemas de Galiza son os mesmos que os da miña provincia: a precariedade laboral (temos uns dos salarios máis baixos do Estado), a falta de emprego que fai que en Galiza un 22,6% da poboación estea en risco de pobreza (en Lugo un 18%), a falta dun parque de vivenda pública que cubra as deficiencias habitacionais, a precariedade das pensións (tamén das máis baixas do estado), o envellecemento da poboación e a falta de servizos públicos e prestacións sociais, ademais do abandono do rural e do tecido industrial.

Os problemas de Galiza agraváronse porque se gobernou en favor dos poderosos en lugar de para o pobo

A pesar dos anos e dos diferentes gobernos, os problemas non se solucionaron, senón que se agravaron porque se gobernou en favor dos poderosos en lugar de para o pobo.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Sen ningunha dúbida Yolanda Díaz. Creo que ninguén pode discutir o encomiábel traballo realizado dentro e fóra das institucións en prol da clase traballadora.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Con respecto á miña provincia, asegurar a permanencia de Alcoa con todos os seus postos de traballo e garantir que se cumpran os acordos do Ministerio de Fomento e de Adif con respecto ás conexión de Lugo por tren, modernizando e vertebrando a provincia co resto da península e con Europa dun xeito ecolóxico.

Como ve as opcións de En Común-Unidas Podemos na cita electoral?

Con moita ilusión, avalada polo traballo dos meus compañeiros e compañeiras que acadaron grandes logros como a histórica suba do SMI. Creo que temos todas as posibilidades porque somos a única opción que ten a vontade política e a posibilidade de gobernar para a clase traballadora, ao non lle deber nada aos bancos ou ás grandes corporacións.

Comentarios