Milleiros claman pola independencia en Euskadi convocadas por EH Bildu

A coalición saca músculo nas rúas de Bilbao para “demostrarlle ao Estado español que hai forza e determinación suficiente” para levar a cabo o proceso soberanista.

bildu
photo_camera (Imaxe: EH Bildu)

Milleiros de persoas participaron este domingo da manifestación convocada por EH Bildu baixo o lema "Bildu independentziara" (Súmate á independencia), no día que se cumpren 37 anos da entrada en vigor da Constitución española.

“Quen hoxe cinicamente celebra o recorte de liberdades a este pobo non terá nada que celebrar o 20 de decembro, porque será un día no que Euskal Herrida volverá a demostrar que o único cambio que quere e precisa é aquel que conduce á soberanía”, sinalou o presidente de Sortu e voceiro de EH Bildu, Hasier Arraiz, segundo declaracións recollidas polo diario Naiz. 

“Agora nos propoñen só unha reforma constitucional, de aquela constitución que escribiron para atar e amordazar ao pobo vasco, que hoxe a volvemos rexeitar para emprendermos o noso propio camiño”, engadiu o voceiro nacionalista. 

O acto decorreu na praza de Arriaga de Bilbao. Nel, o candidato de EH Bildu Sabino Cuadra apostou por “soltas amarras” co Estado español e sinalou que a Constitución foi “unha imposición e un fraude”.

Este réxime é un fraude social, un fraude político e un fraude democrático. A corrupción atravesa todo e a termita franquista ten comido os cimentos. Por iso hai que comezar a cortar amarras por razóns de saúde democrática e social”, dixo Cuadra. 

Comentarios