5-A

Un militante de Ourense postúlase contra Gómez-Reino en Podemos Galicia

Carme Santos e Paula Quinteiro caen das listas presentadas este sábado pola formación morada para as primarias, nas que si estarán Luca Chao, Xulia Torregrosa e Marcos Cal.
podemos
photo_camera Antón Gómez-Reino, flanqueado por Luca Chao e Marcos Cal (Europa Press)

Podemos Galicia fixo públicos este sábado os nomes das persoas que rexistraron a súa candidatura para as primarias da formación, que concluirán o 27 de febreiro, de cara ás eleccións parlamentarias do 5-A.

As deputadas durante a última lexislatura Luca Chao e Xulia Torregrosa e o deputado Marcos Cal están entre as 93 persoas que rexistraron a súa candidatura para ocupar un posto na lista de Podemos Galicia.

Un militante de Ourense, Martín Bardelas, postulouse para o posto de cabeza de lista, ao que tamén opta o secretario xeral de Podemos Galicia e deputado no Congreso español, Antón Gómez-Reino, que se perfila como candidato á Presidencia da Xunta por Galicia en Común, fórmula baixo a que concorrerá, previsibelmente, o partido morado da man de Esquerda Unida.

Fraga e Bruzos, si

Cae da proposta para a lista a tamén parlamentaria durante os últimos catro anos e predecesora de Gómez-Reino na Secretaría Xeral de Podemos Galicia, Carme Santos. Tampouco figura Paula Quinteiro, membro de Anticapitalistas, formación que abandonou Podemos Galicia hai unhas semanas e que, este sábado en declaracións á Radio Galega, expresou estar máis perto de unirse á candidatura que promove a Anova.

Ademais dos parlamentarios, tamén se presentan ás primarias a ex concelleira na Coruña por Marea Atlántica Rocío Fraga ─que desde o pasado verán exercía como asesora do Grupo Común da Esquerda no Hórreo─ e David Bruzos, deputado nas Cortes por En Marea durante a efémera lexislatura da primeira metade de 2016 e candidato á portavocía de En Marea nas polémicas primarias que terminaron por romper definitivamente o partido instrumental que logrou ser segunda forza nas pasadas eleccións.

Proceso de primarias

Co feche do rexistro de candidaturas, que serán verificadas ao longo da xornada deste sábado, o domingo ábrese o período de recollida de avales. O día 19 publicaranse as candidaturas definitivas, co que dará comezo a campaña e os debates entre as persoas postuladas durante cinco días.

As votacións desenvolveranse do 20 ao 25 de febreiro e, dous días máis tarde, o 27. coñeceranse os resultados definitivos.

Todo o proceso interno, que se desenvolverá paralelamente ás negociacións para definir a candidatura (o prazo para rexistrar coalicións remata a vindeira sexta feira, 21 de febreiro), terá como colofón a celebración dunha conferencia política o día 29 deste mesmo mes onde aterrará chegado de Madrid o vicepresidente do Goberno e líder de Podemos, Pablo Iglesias, para arroupar o cabeza de lista.

Comentarios