Opinión

Militando no amor

Fóisenos Luís o “ Ferreiro”. Velo aí o vai a paso do canto dos guerrilleiros loitadores libres dos campos e das cidades.Sempre adiante, sen retroceder. Así el estará presente na memoria de por sempre.

Coñecino por primeira vez da man de Antonio “ o comunista”, na taberna do “Marqués” de Troáns de Cuntis, polo ano setenta e seis.Nunca olvidarei o seu mirar limpo. Desde aquela mandaron as forzas dos corazóns. Nel todo era humanismo militando no amor aos pobos. Dignidade a verbo e carne. Absoluta decencia. Logo viñeron moitos momentos de encontro. A pedra a Camilo Díaz Valiño, a lembranza de Alfredo Caramés o chofer de Lister en Cabanelas, as homenaxes na Abellá aos guerrilleiros Ponte, Pan, O Asturiano. Tamén ao Piloto coa presencia de Camilo Dios. E últimamente a honra que lle tributamos, a iniciativa dos de Mondoñedo, en especial Xulio, o da Penela, Margarida e Xosé Lois Fernández Ribera, diante dos paseados no cemiterio, para logo ir a Lourenzá testemuñar honra ao “ Gardarríos” coa presenza de Fernanda a súa neta. Son partes do todo vital de Luís que na fratria nos alimenta na loita pola vida polo camiño das conquistas.

A verdade pertence á xente, dicíanos, e por iso ela non pode desaparecer no silencio.Traballemos por unha cidadanía responsable, unha sociedade máis xusta, un pobo máis libre e un futuro mellor. Nunca mostraremos tanta intelixencia como cando pensemos colectivamente. Que bailen ( el tan bailador) os corazóns e non o fagan coa música dos laios, nin das resignacións. Será esencial. Hai moitos espazos que compartir. E que sexa militando no amor.

Comentarios