Miguel Uclés, delegado sindical dos bombeiros de Vigo

"Esta semana houbo compañeiros que fixeron 120 horas en tan só sete días"

A primeira folga indefinida no sector bombeiro de Vigo arrincou esta cuarta feira 14 de agosto convocada polos sindicatos CIG e CUT esixindo máis prazas e recursos. Apresentarán esta mesma mañá unha denuncia en Inspección de Traballo contra o Concello de Vigo por manter un decreto que está obrigando a varias persoas deste servizo a realizar até 120 horas laborais á semana, con xornadas superiores ás 48 horas. Miguel Uclés, representante da CIG no comité de empresa do servizo de bombeiros de Vigo conversa con Sermos Galiza sobre a precariedade laboral e a perigosidade que esta situación entraña para a cidade.

Miguel Uclés, representante da CIG no comité de empresa de bombeiros en Vigo
photo_camera Miguel Uclés, representante da CIG no comité de empresa de bombeiros en Vigo [Imaxe: CIG]

O persoal do servizo de bombeiros de Vigo iniciou esta cuarta feira 14 de agosto a primeira folga indefinida do sector. Esixen a ampliación de prazas para poderen chegar a un mínimo de 150 efectivos fronte os 100 actuais e denunciarán o Concello de Vigo perante Inspección de Traballo por un decreto municipal que os está obrigando a realizar 120 horas laborais á semana, con xornadas superiores ás 48 horas. Os sindicatos CIG e CUT convocaron esta folga. UXT e CCOO non se sumaron.

Sermos Galiza conversa con Miguel Uclés, representante da CIG no comité de empresa do servizo de bombeiros de Vigo e presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos da Galiza, que une persoal bombeiro de todos os parques municipais de administración pública directa.

Arrincan esta primeira folga indefinida de bombeiros denunciando en Inspección de Traballo o Concello de Vigo polo decreto municipal que este emitiu e que lles afecta laboralmente. En que consiste esa normativa?

Imos estar ás 10:30 horas na oficina de Inspección de Traballo de Vigo para denunciar a situación de explotación laboral e de grave risco contra a saúde dos traballadores que implica o decreto que o Concello de Vigo aprobou hai oito meses.

Ese decreto impúxose daquela para suplir a falta de persoal existente debido a que non convocaron prazas. Somos 100 efectivos cando o necesario para a cidade terían que ser 150, e a iso hai que sumarlle que 30% do persoal está de baixa por sobrecarga e que 48% ten máis de 55 anos. Ademais, estanse cubrindo baixas con bombeiros en formación que, sen remataren aínda o seu ciclo de estudos, están sendo postos a traballar. Isto é un perigo para estas persoas e unha prevaricación por parte do Concello.  

Comezaremos o proceso en Inspección de Traballo e despois iniciaremos o proceso de denuncia pola vía penal

Esiximos unha oferta pública de emprego inminente e que as probas de oposición sexan transparentes, xa que a última convocatoria foi denunciada por irregularidades e estamos actualmente á espera do que resolva o xulgado.

Comezaremos o proceso en Inspección de Traballo e despois iniciaremos o proceso de denuncia pola vía penal.

Cobren a falta de persoal realizando máis horas das que lles corresponden?

Ese decreto municipal marca que debe haber un mínimo de 21 bombeiros por garda, tal e como figura no plan de emerxencias municipal. Nós non nos podemos negar a traballar neses casos para garantir os 21 efectivos permanentes e podemos ser mobilizados en calquera momento. As consecuencias de negarse son a suspensión de tres anos de emprego e soldo. O problema reside en que ao estarmos faltos de efectivos, estamos empatando xornadas. Esta semana houbo compañeiros que fixeron 120 horas en tan só sete días, con xornadas de 48 horas seguidas. A situación é un nivel de carga de traballo insoportábel.

Os 12 compañeiros en formación que comentaba antes inclúenos na listaxe porque é a única forma do Concello chegar a 21 efectivos. A folga é por tanto unha medida límite á que chegamos polo grave risco no que se está a pór a cidadanía e o persoal de salvamento.

Como son os servizos mínimos durante a folga?

Informáronos hai tres días dos servizos mínimos, que son 21, o cal nos dá a razón de que estamos traballando sobre servizos mínimos constantemente e que nunca damos chegado a un servizo ordinario nesta cidade.

Que máis medidas teñen previstas durante a folga?

Unha cidade que ciclicamente ten sinistros de grande envergadura atópase agora baixo mínimos, con poucos bombeiros, cansados e maiores

Emprenderemos accións de denuncia e de visualización da situación na rúa e na rede. Mobilizacións e distintas accións. Quero que entendan os vigueses e viguesas que non temos a capacidade de resposta que tivemos no pasado, por exemplo nos incendios do 2016. Unha cidade que ciclicamente ten sinistros de grande envergadura atópase agora baixo mínimos, con poucos bombeiros, cansados e maiores.

Avanzaron algo as negociacións co concello?
A folga é indefinida até que a situación mellore. O responsábel do Servizo de Seguridade do concello é incompetente e non transmite ás e aos responsábeis políticos a urxencia das nosas demandas. Non entende a situación. Ademais, non hai xefatura do parque de bombeiros porque o xefe está de baixa tamén.

Nós formulamos distintas alternativas para que de forma inminente puidese entrar a traballar máis persoal, mais non se non escoita

Desde que foi a renovación municipal após as eleccións só tivemos unha reunión e foi de carácter meramente informativo. Convocounos agora a concelleira Elena Espinosa a unha xuntanza en setembro. Isto evidencia que non entenden a gravidade e urxencia da situación. Vigo pode ser unha cidade fermosa, mais sen bombeiros é moi perigosa.

Nós formulamos distintas alternativas para que de forma inminente puidese entrar a traballar máis persoal, mais non se nos escoita. .

Cal é a posición dos outros sindicatos con representación?

CUT e CIG convocamos esta folga. COO e UXT entenden que isto é urxente, mais tamén o ven desde unha reivindicación de negociación colectiva. Nós estamos levando este conflito pola urxencia da seguridade, son ritmos diferentes e CIG e CUT decidimos tirar para adiante e convocar folga. Temos ademais o apoio maioritario dos compañeiros.

Comentarios