ANA ESTÉVEZ, DIRECTORA DESTE FESTIVAL DE CINEMA ETNOGRÁFICO

“A MICE reflicte o extraordinario momento do documentalismo”

Do 13 ao 18 de xuño desenvolverase a 11ª Mostra Internacional de Cine Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego que, por vez primeira, ocupa tres sedes e inclúe concurso. Unha MICE consolidada sube chanzos no calendario de festivais cinematográficos e toma forza na rede internacional de cinema etnográfico. A directora Ana Estévez achéganos ao meolo da MICE. 

foto2

-A Mostra de Cine Etnográfico convértese, neste ano, en MICE. Esta nova forma de se chamar ten relación cos outros cambios?

- Desde que comezamos pensar en darlle unha volta, o tema do nome tamén estaba enriba da mesa. De natural, tendemos a acortar os nomes, economizamos na linguaxe, e Mostras hai, a nivel internacional unhas cantas así que recoller as siglas da mesma para nomeala foi unha das ideas que xurdiron no proceso e que maior aceptación tivo entre as persoas, socios e socias do Museo, que consultamos. 
 
-Por vez primeira, a MICE ultrapasa as portas do Museo do Pobo Galego e proxectará os filmes no Salón Teatro e no Teatro Principal, dous espazos de referencia para o gran festival de cine da cidade que é Cineuropa. É o resultado da consolidación da MICE unha vez que cumpriu a súa primeira década de historia?

- É resultado desa consolidación mais tamén dunha vontade da institución de sacar o Museo do espazo físico que o alberga buscando unha cada vez maior participación da comunidade que nos sustenta. A entidade é un Museo de carácter galego polo que cremos que debe visibilizarse máis alá de Bonaval. Vímolo facendo con outras accións como co Día Internacional dos Museos, coas exposicións itinerantes ou coas presentacións de ADRA, a revista dos e das socias, que organizan as presentacións en distintos lugares de Galiza.
 
-Por que deciden, tamén por vez primeira, ter un concurso?

- Os dez anos dunha Mostra que exhibiu as tendencias en cinema etnográfico e antropoloxía visual só se puido facer grazas a colaboración desinteresada de moitas e moitos profesionais do audiovisual aos que temos que agradecerlle a grande xenerosidade que tiveron con nós. Pensamos que dotar á Mostra de sección concurso con premios en metálico era un un xesto, pequeno en comparación, pero un xeito de devolver os que nos deron nestes anos. E o premio do público, parte desa vontade de facer partícipe á cidadanía da vida do Museo.

"É vontade da institución de sacar o Museo do espazo físico que o alberga buscando unha cada vez maior participación da comunidade que nos sustenta"


 - Cento corenta e dúas películas presentadas significa que o cinema etnográfico está a atravesar un bo momento?

- Nun contexto que non é o mellor para todo o que soe a cultura,  quizais porque a tecnoloxía o facilita, o cine e o documental en concreto atravesa un momento extraordinario en canto á creatividade e número de producións. E ademais son as temáticas que preocupan á sociedade, as que o documental social e etnográfico están a tratar conectando así cos intereses da cidadanía máis crítica.
 
- Seis películas compiten para o mellor filme galego, un número moi elevado para o nivel de produción que existe. Significa que o noso panorama audiovisual é especialmente etnográfico?

- É que Galiza non está á marxe do que ocorre en xeral co cine e que acabo de mencionar. E ademais hai que desfacer esa idea do etnográfico como algo asociado á cultura tradicional nun espazo rural. Ese é un concepto derivado dunha práctica antropolóxica nacida do colonialismo e traspasada ao estudo do propio desde a perspectiva do exótico ou do excepcional. Por outra banda, cando Antonio Román e Xaquín Lorenzo realizaron "O Carro e o Home" estaban tratando a vida que tiña unha grande parte da sociedade galega daquel momento. Non estaban índose a un pasado afastado, senón que estaban deixando constancia, cun estilo moi vangardista, de algo que estaba vivo. Nese sentido, hai unha parte do cine galego actual que tamén trata sobre as formas de vida das comunidades e colectivos de persoas coas que conviven e comparten problemáticas no momento que nos tocou vivir. 

- “A Seara” de Pepe Coira, “Alpuxarras” de Rafael Toba, “Os días afogados”, de Luís Aviles e César Souto, “Verengo” de Víctor Hugo Seoane, “Fíos Fóra” de Sabela Iglesias e Adriana Pérez e “Tesouro de Corcoesto” de Cora Peña son os títulos entre os que se decidirá a mellor película galega. Todas elas pódense definir como “cinema etnográfico”? 

- Pois retomo o contestado na pregunta anterior. Todas elas o son, ben nun sentido clásico en canto á temática aínda que poida haber tratamento cinematográfico máis experimental, ou ben no sentido amplo e actual do etnográfico. 

"Hai que desfacer esa idea do etnográfico como algo asociado á cultura tradicional nun espazo rural. Ese é un concepto derivado dunha práctica antropolóxica nacida do colonialismo e traspasada ao estudo do propio desde a perspectiva do exótico ou do excepcional"

- Unha directora e un xurado integrado por mulleres –Encarna Otero, Sabela Pernas, Lourdes Méndez e Mónica Sónica, ademais de vostede mesma-, habitual non é…

- Ben, no xurado si que hai un home, o antropólogo Xosé Carlos Sierra. Supoño que non é habitual pero, dada a situación profesional e académica que temos as mulleres tampouco debería chamar a atención. Porén si que foi algo consciente e coa intención de visibilizar ás mulleres en campos como o do audiovisual ou a práctica antropolóxica onde somos moitas, cada vez máis. E, en canto ao Museo, no cadro de persoal a maioría somos mulleres e os departamentos técnicos están todos dirixidos por mulleres.
 
- Continúa a relación da MICE co Festival Espiello e no programa inclúense películas de Arxentina ou Rusia. O salto desta edición inclúe unha aposta máis decidida pola súa condición internacional? 

- Sen esquecer o que temos máis preto, por suposto. En todas as edicións da Mostra contouse con películas de fóra, procedentes de diversas partes do mundo. A idea foi sempre mostrar o que se facía aquí pero tamén ter acceso a producións doutros lugares do mundo.
 
-Por terceira vez, a promoción da MICE faise cunha pequena produción audiovisual de autora que circula pola rede, neste caso, de Raquel Rei. Que significado ten esta maneira de difundir a mostra? 

- Para nós é outro xeito de devolver o que nos deron, de apoiar o talento cinematográfico galego e á vez é un privilexio  xa que imos contando cunha colección de pequenas pezas feitas por creadores e creadoras ex-profeso para a Mostra.
 

Comentarios