MGS dá por pechado o seu ciclo

A 3ª Asemblea Nacional acorda impulsar un proceso constituínte dunha nova organización.

photo_camera Imaxe dunha asemblea de MGS (Foto: Nós Diario)

Este sábado decorreu en Teo a III Asemblea Nacional do Movemento Galego ao Socialismo (MGS), cita de carácter "extraordinario, como extraordinario é o momento político e social no que vivimos", na que a militancia desta organización acordou “por unanimidade” pechar o ciclo do MGS “e impulsar un proceso constituínte dunha nova organización”.

Unha decisión que pon punto e seguido a un movemento que con ese nome naceu en 2009, se ben  foi na I Asemblea Nacional, maio de 2012, cando aprobou os estatutos e escolleu a súa primeira Mesa Nacional

Nun comunicado, o MGS indica que esa nova organización política que queren impulsar pasa por definir “novas prioridades, campos de traballo e formas de intervención neles e, sobre todo, que estea adaptada á nosa realidade e ao momento político actual”.

“Un punto de inflexión” di o MGS sobre esta decisión. “Tanto a nivel de dinámica interna como en canto á proxección pública, que nos permita rachar coas inercias que nos lastraron até agora e nos permita non só remotivar e remobilizar a nosa base militante e simpatizante, mais tamén aumentala”.

“Entendemos que este espazo político debe estar ocupado por unha organización de carácter estratéxico, identificábel publicamente, con vocación e perspectiva revolucionaria e capacidade de orientación política para avanzar nese camiño, sendo quen de fixar posicións ante os debates fundamentais do noso tempo e intervir en base a elas”.

Comentarios