Imprimir

O mexicano Víctor Biau, prato forte no Festival Internacional de Galicreques

Redacción | 17 de outubro de 2020

'El hombre que plantaba árboles', do mexicano Víctor Biau (Nós Diario)
'El hombre que plantaba árboles', do mexicano Víctor Biau (Nós Diario)

Ademais de El hombre que plantaba árboles, para este sábado ─penúltima xornada do festival─ están programadas outras oito funcións.

O Festival Internacional Galicreques que se desenvolve na capital do país ofrece neste sábado, 17 de outubro, un total de nove funcións, entre as que se inclúe a estrea de El hombre que plantaba árboles, do mexicano Víctor Biau.

Os espectáculos terán lugar na Carpa da Alameda de Compostela, no Teatro Principal, no Parque de Vista Alegre, e nas prazas de Praterías e do Toural, así como nos centros socioculturais de Conxo e de Fontiñas.

A actividade do sábado comeza na Praza do Toural, onde a partir das 11 horas organízase un taller de construción de marionetas impartido por El trastero de Lula. Unha hora máis tarde, ás 12 horas, no Centro Sociocultural de Conxo, poñerase en escena a primeira función da xornada El circo Malvarrosa, unha peza para todos os públicos dos valencianos Teatro de la Estrella.

O Teatro Principal acollerá dúas funcións. A primeira delas empezará ás 12,30 horas e correrá a cargo da compañía La Gotera de Lazotea, que representará a montaxe La Gallina Churra. Xa ás 20 horas, terá lugar unha das grandes estreas desta XXV edición, a do espectáculo El hombre que plantaba árboles, do mexicano Víctor Biau.

Na Alameda poderase asistir a tres citas. A primeira, ás 13.30 horas, será a representación de O show de Barallocas, montaxe da compañía galega Marionetas Trécola. Xa pola tarde, ás 18 horas, actuarán os aragoneses Teatro Arbolé e representarán Veoleo. Para rematar, ás 19.30 horas, chegará na Alameda a obra La fabulosa aventura de Teo y los libros, dos arxentinos Teatro do Tapial.

Funcións ao aire libre

A respecto das funcións ao aire libre, Títeres Cachirulo representará As xeneralas da Ulla, na Praza das Praterías ás 17.30 horas. Ademais, o Mago Paco ofrecerá o seu espectáculo Hocus Pocus no Parque de Vista Alegre ás 18 horas, nos exteriores do Edificio da SGAE.

Para rematar, e Centro Sociocultural de Fontiñas tamén contará con actividade nesta penúltima xornada do Galicreques. Ás 18,00 horas, a compañía brasileira Habib&Valeria ofrecerán un novo pase de O día em que a Morte sambou.

O festival, organizado pola Asociación Barriga Verde, conta co apoio do Concello de Santiago, e a Consellaría de Cultura, a Deputación da Coruña e o Instituto Nacional de Artes Escénicas e da Música (Inaem).

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/mexicano-victor-biau-prato-forte-festival-internacional-galicreques/20201017104317107131.html


© 2020 Nós Diario