A Mesa reivindica o compromiso co uso e a transmisión do galego no día da lingua propia

Hoxe, 21 de febreiro, Día internacional da lingua propia, proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco en novembro de 1999 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. 
o galego e a formula 900

A lingua materna é aquela en que as crianzas aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. Hoxe, 21 de febreiro, celebra o seu día, proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco en novembro de 1999 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. En 2020, o Día internacional da lingua propia celebra o valor dos idiomas que son á vez locais e transfronteirizos co ánimo de impulsar o diálogo pacífico e axudar a promover o patrimonio cultural dos pobos que os falan. Neste sentido, a Secretaría Xeral de Política Lingüística sinala o galego como idioma transfronteirizo "na medida en que serve como ponte con Portugal e, en xeral, coa lusofonía".

LinguaMat2020

Coñecemento da lingua

A Mesa pola Normalización Lingüística tamén se suma á iniciativa da Unesco. Faino, segundo recoñece a entidade, co fin de reclamar garantías para a diversidade lingüística fortalecendo a protección, a promoción e a preservación de todos os idiomas, nomeadamente aqueles  que están ameazados. "Esta data celébrase na Galiza após as contundentes demandas do Consello de Europa, entre elas a derrogación do mal chamado decreto de plurilingüismo, e os últimos datos do Instituto Galego de Estatística que indican que ademais do retroceso  do uso do galego, temos neste momento o índice máis alto de incapacidade para falalo da historia de Galiza co 24% de rapaces e raparigas menores de 15 anos", sinalan desde A Mesa.

Por este motivo, pídenlle ao Partido Popular que "abandone o extremismo contra o galego" e  ao conxunto de organizacións políticas que "impulsen unha nova política favorábel ao galego, que garanta o coñecemento da lingua" ademais dunha "presenza visíbel e audíbel" e de total liberdade de uso en todos os ámbitos".

Dereitos lingüísticos

A Mesa pola Normalización Lingüística reivindica a garantía de exercicio dos dereitos lingüísticos. Marcos Maceira, presidente da entidade, quere "os mesmos problemas para usar o galego, para velo, lelo e ouvilo na Galiza que ten calquera persoa co castelán cando pasea por unha rúa de Madrid, cando se dirixe á Administración pública ou cando compra en calquera estabelecemento". "A Xunta ten que deixar de ser a principal defensora da inferioridade de condicións para as e os galegofalantes", recalcou.

Nesta liña, Maceira mantén que, na actualidade, a sociedade civil actúa en solitario para promover a lingua da Galiza e combater agravios e discriminacións. Hoxe, desde A Mesa, fano baixo o lema Fálalles galego, coa esperanza de saber que son moitas as galegas e galegos que manteñen un compromiso co uso e a transmisión do idioma propio da Galiza.

Comentarios