Imprimir

A Mesa pide ao Goberno español que “retire o aval” á política lingüística do PP na Galiza

Redacción | 17 de febreiro de 2021

galego
Imaxe dun acto en defensa do galego (Foto: A Mesa)

Di que o Ministerio de Política Territorial apoiou a política da Xunta cara ao galego na resposta oficialás reclamacións do Consello de Europa polo incumprimento da Carta Europea das Linguas.
 

O Ministerio de Política Territorial contestou á recomendación de obrigado cumprimento de "eliminar os limites ao ensino en galego en Galiza" realizada a finais de 2019 polo Comité do Ministros do Consello de Europa manifestando o apoio do Goberno español á política lingüística da Xunta de Galiza.

Así o asevera A Mesa pola Normalización Lingüística nun comunicado no que lamenta que o Ministerio atribúa a esa política da Xunta "a maior parte dos datos positivos que os estudos sociolingüísticos expoñen sobre coñecemento e adquisición da lingua galega na poboación en calquera dos tipos de competencia".

A Mesa lembra que é a terceira vez que o Consello de Europa advirte do incumprimento da Carta Europea das Linguas por parte do Estado e da Xunta e reclama aos partidos do goberno, PSOE e Podemos, “a rectificación inmediata” do informe oficial presentado o pasado mes de xullo polo ministerio de política territorial á entidade europea.

Con este informe na man", asegura Maceira, "só podemos chegar a conclusión de que o Goberno español apoia e avala a politica de persecución ao galego do Partido Popular"

"Malia o manifestado en encontros e reunións de responsábeis do PSOE e Podemos coa Mesa ou en documentos promovidos pola entidade como a Declaración de Unidade a prol da normalización da lingua galega (2015) ou o Manifesto pola pluralidade lingüística (2018)", salienta o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "os partidos do Goberno español optan por dar continuidade ao ataque ao galego tanto de anteriores gobernos do Estado como do Partido Popular en Galiza, avaliando a situación do galego como positiva".

Maceira di que "PSOE e Podemos deben aclarar se partillan co PP que a inanición, a exclusión sistemática, a ausencia clamorosa da oferta da que si gozan o resto de linguas oficiais é positiva para o galego ou simplesmente é politica de Estado". "Se non for así, deben rectificar o documento", explica, "para o que teñen prazo até o 28 de febreiro data na que A Mesa contestará ao informe do Estado a petición do propio Consello de Europa".

Neste sentido, a Mesa informa que xa se dirixiu ao Ministerio de Política Territorial e aos partidos do goberno PSOE e Podemos, reclamando a rectificación inmediata do informe presentado. "Con este informe na man", asegura Maceira, "só podemos chegar a conclusión de que o Goberno español apoia e avala a politica de persecución ao galego do Partido Popular aínda que en todos os encontros mantidos coa Mesa pola Normalización Lingüística e outras entidades sindicais, de nais e pais ou movementos de renovación pedagóxica sinalasen o contrario". P

A Mesa lembra que canda CIG-Ensino, CSIF Ensino, STEG, ANPAS Galegas, AS-PG e Nova Escola Galega presentaron a proposta de bases para a normalización da lingua no ensino como para poder cumprir coas exixencias do Consello de Europa e por tanto cos acordos internacionais subscrios polo Estado.

A entidade de defensa da lingua recorda que se algo indican todos os estudos sociolingüísticos é a perda continuada de falantes para o galego e o aumento a níveis históricos das persoas que declaran seren incapaces de falalo (un 24% de menores de 15 anos segundo o IGE)

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/mesa-pide-ao-goberno-espanol-retire-aval-politica-linguistica-do-pp-galiza/20210217111123116018.html


© 2021 Nós Diario