A Mesa informa ao Comité de expertos do Consello de Europa da vulneración de dereitos lingüísticos

Faixa da Mesa

Representantes do Comité de Expertos do Consello de Europa están en Asturies para avaliar o nivel de cumprimento da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias por parte do Estado español. Marcos Maceira, presidente da Mesa, Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, e Mónica Pazos, secretaria xeral da organización participan na xuntanza de avaliación do Comité.


A delegación da Mesa informa que  exporá aos expertos e expertas europeos a situación do galego, advertindo que tanto o Estado como a Xunta incumpren as súas obrigas en todas as áreas nas que deben garantir a presenza normal da lingua: educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de comunicación ou relacións transfronteirizas.
 

A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo.


Os expertos europeos xa teñen alertado en varias ocasións sobre as deficiencias na aplicación da Carta, nomeadamente no do ensino, o que motivou unha recomendación do propio Consello de Ministros sinalando que a introdución doutra lingua non podía servir de escusa para a eliminación da propia no ensino. Nesta ocasión, o Estado remitiu ao Comité de Expertos un informe que, afirma A Mesa, manipula os datos e mente, co fin de obter unha avaliación positiva. "O Estado mente ao Consello de Europa manipulando os datos oficiais", advertirá a delegación da Mesa á delegación europea.

Ademais de ocultar o contido do mal chamado decreto de plurilingüísmo, cinguíndose a expor os aspectos xa contemplados no anterior, chega a afirmar que "a maior parte dos pais falan galego cos fillos”, que o descenso de galegofalantes “se produce, fundamentalmente, en nacidos antes de 1973” ou que o galego é a lingua máis empregada polo estudantado.
 

Comentarios