'Falar galego é saudábel' entra no Parlamento

A Mesa pola Normalización Lingüística e o Grupo de Normalización do estudantado de Medicina presentáronlle ao Presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a campaña polo apoio ao galego como lingua normal de relación entre doentes e persoal .

falar galego é saude
photo_camera Unha imaxe da reunión (Arxina)

A Mesa pola Normalización Lingüística e o Grupo de Normalización do estudantado de Medicina presentáronlle a campaña Falar galego é saudábel ao Presidente do Parlamento, Miguel Santalices, como representante da primeira institución de Galiza, e médico de profesión.

A campaña Falar galego é saudábel xurde co obxectivo de que a lingua galega se desenvolva con normalidade como lingua de relación entre persoal e doentes, nun contexto no que -segundo o último estudo IGE- 41% das persoas que falan só en galego ou máis galego que castelán mudan ao castelán ao se dirixiren a médicas e médicos; e no que, segundo ten documentado amplamente a Mesa, existen casos de discriminación lingüística que fortalecen o prexuizo de que o correcto é deixar de falar galego ao se dirixir ao persoal médico.

Segundo o último estudo IGE, 41% das persoas que falan só en galego ou máis galego que castelán mudan ao castelán ao se dirixiren a médicas e médicos

Durante o encontro, Marcos Maceira e Celia Armas, da Mesa; Francisco Pérez e Sarela Betanzos, do Grupo de Normlización Lingüística do Estudantado de Medicina; e Henrique Villena, médico no Hospital Clínico Universitario de Santiago fixéronlle entrega a Miguel Santalices dunha copia dunha fotografía inédita da promoción de Medicina do curso 1909, da que formou parte Castelao, e que, como recordou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "enfrontou a epidemia de influenza de 1918 co galego como lingua de relación entre profisionais e doentes".

As entidades incidiron no uso do galego entre persoal sanitario e doentes como boa práctica que evita erros de comprensión e favorece a precisión: "O que é bo para as e os doentes é bo para o persoal sanitario", recordou Sarela Betanzos. Mentres que o seu compañeiro Francisco Pérez manifestou que o obxectivo do seu grupo é "normalizar o uso do galego tanto nas aulas como nas consultas".

"Esta campaña", afirmou Marcos Maceira, "vai ser unha maneira de demostrar pola vía dos feitos que lingua e a saúde pública son dous elementos de cohesión social". "Fronte a prexuizos e malas prácticas", asegurou Maceira, "a lingua galega únenos a persoal sanitario e a doentes, da mesma maneira que a necesidade de termos un servizo público de calidade".

 

Comentarios