A Mesa fixo varios chamamentos este verán ao exército polo seu desprezo ao galego

A denuncia feita pública onte por Sermos Galiza da prohibición do uso do galego por parte do exército na súa actuación na extinción de incendios súmase a outras recentes que mostran o desprezo que algúns sectores militares manifestan aínda coa nosa lingua. Neste verán, a Mesa desenvolveu varias iniciativas destinadas a corrixir a eliminación do galego no ámbito castrense. 

Museo Militar da Coruña
photo_camera Museo Militar da Coruña

O Ministerio de Defensa prohibe o uso do galego por parte do exército na súa actuación nos lumes, segundo publicou onte Sermos Galiza. É un exemplo máis do desprezo dos militares pola nosa lingua que se manifesta en numerosas accións, entre elas, o uso dos topónimos deturpados no Museo Militar da Coruña, como denunciou recentemente a Mesa. 

Neste mesmo verán, a Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse ao Ministerio de Defensa e tamén ao Museo Militar da Coruña para facerlles constar a súa obriga de respectar a nosa toponimia oficial. A advertencia chegara á organización por parte de usuarios do Museo Militar que denunciaban o uso do topónimo “La Coruña”, entre outros elementos, nas entradas ao centro expositivo. 

A asociación presidida por Carlos Callón dirixiuse por carta ao Ministro de Defensa, Pedro Morenés, e ao director do Museo, o coronel Fernando Mariño, para os facer partícipes das críticas e lembrarlles a obrigatoriedade legal do uso da toponimia oficial que é, segundo a Lei de Normalización Lingüística, a galega. 

Militares "arredados"

Neste mes de agosto, tamén o vicepresidente e responsábel da Mesa na comarca de Ferrol, Carlos Outeiro, dirixiulle unha carta ao comandante-director da escola de especialidades da Armada “Antonio de Escaño” , Federico Supervielle, en resposta a unha entrevista na que identificara a materia de Lingua Galega na educación dos fillos dos militares como único conflito que atopara na súa estadía na Galiza.

"Cando abrirán os ollos as institucións militares con presenza en Ferrol para se decataren de que tamén esta sociedade ferrolá paga con impostos de seu os seus soldos?", escribe Carlos Outeiro na súa carta na que sinala que o comandante arreda "máis unha vez, o entorno militar do conxunto da sociedade ferrolá". 

Comentarios