A Mesa e comunidade educativa dan un paso adiante pola lingua: Presentan as propostas para a normalización do galego no ensino

A Mesa, movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e organizacións sindicais deseñan de forma conxunta un modelo de sistema educativo co galego como lingua vehicular e de aprendizaxe 

galego ensino propostas Mararelos (Arxina
photo_camera Presentación do documento(Arxina)

A compostelá Praza de Mazarelos, “onde Carvalho Calero impartiu aulas como primeiro catedrático de lingua galega da universidade galega”, foi o simbólico escenario escollido para a presentación da ‘Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza’. Un documento conxunto da Mesa pola Normalización Lingüística e movementos de renovación pedagóxica (AS-PG, Nova Escola Galega), Ampas (Confederaciónde Ampas galegas) e organizacións sindicais (CIG, STEG, CSIF).

O documento propón un modelo de sistema educativo no que o galego sexa a lingua vehicular e de aprendizaxe, dentro do máximo que estabelece o marco legal. Ten en conta aspectos básicos como a formación do profesorado e do persoal do centro e a implicación de familias e alumnado no proceso normalizador.

Esta implicación concrétase na participación da comunidade educativa tanto nas equipas de normalización como na súa actividade. Suxírese tamén, tendo en conta o contexto sociolingüístico, un período de transición durante o cal se partirá dun mínimo de 50% para ir incrementando a presenza da lingua galega como vehicular e de aprendizaxe.

O documento, que recolle achegas de todas as organizacións asinantes "e que conta cun amplo acordo", será presentado nos próximos días ás organizacións políticas e organizacións sociais, "para extender o apoio a unha proposta de extrema necesidade para o futuro de Galiza e do galego".
"O 1 de agosto de 2020 remata o prazo indicado polo Consello de Europa para que a Xunta de Galiza informe de que medidas se van tomar para garantir o cumprimento da Carta Europea das linguas", recordou na presentación o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

"Este aviso chega despois dunha década de mobilizacións da sociedade galega contra o mal chamado decreto de plurilingüísmo, que impide garantir a capacidade de uso do galego, como mostran todos os estudos sociolóxicos", sentenciou.

O último estudo do IGE indicaba que 1 de cada 4 menores de 15 anos son incapaces de falaren galego. "O ensino só non serve para contrarrestar a limitada presenza do galego na sociedade", lamenta Maceira, "e mesmo reproduce a situación, como se puido comprobar na crise sanitaria coa moi reducida existencia de materiais didácticos en galego".

Comentarios