A Mesa advirte ao Consello de Europa que o Estado e a Xunta vulneran os dereitos lingüísticos

Remite ao Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias un relatorio sobre a situación do galego que será tido en conta para a elaboración do 5º informe de avaliación do cumprimento deste tratado

 

A MESA
photo_camera Un momento da conferencia de imprensa da Mesa

Os dereitos lingüísticos da poboación galega están a ser vulnerados, con incumprimentos en todas as áreas onde o Estado e a Xunta deben garantir a presenza normal do galego: educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de comunicación, relacións transfronteirizas, etc. Esta é a cerna do relatorio sobre a situación do galego que A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) entregará o vindeiro 3 de novembro, en Dublín, ao director do Secretariado da Carta Europea das linguas rexionais ou minoritarias do Consello de Europa

A entrega formal terá lugar no marco da Asemblea xeral da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) antes do encontro que o Comité de expertos manterá a finais de ano con entidades sociais e organismos públicos para a avaliación da Carta e emitir o seu informe definitivo para o Consello de Ministros. ELEN é unha entidade co status de entidade consultiva do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, as Nacións Unidas e a UNESCO e que aglutina 150 entidades representativas de 45 linguas minorizadas de Europa en 23 estados europeos

 

Incumprimentos

Desde A Mesa adiantaron esta terza feira que quer o Estado quer a Xunta incumpren as súas obrigas en todas as áreas nas que deben garantir a presenza normal do galego: educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de comunicación ou relacións transfronteirizas, entre outras.

No relatorio faise un detallado repaso polos diferentes ámbitos e tomando o pulso á situación do idioma. Así, por exemplo, e no que atinxe ao ensino constátase que se mantén o decreto de plurilingüísmo a pesar das recomendacións do Comité de Expertos e do Consello de Ministro do Consello de Europa; e que o ensino público non garante o ensino en galego como estabelece a Carta. En xustiza incídese en que “continúa sen haber garantías para o desenvolvemento da xustiza en galego”; e en economía denuncian cuestións como que non haxa ninguna entidade financeira que permita facer todos os trámites en galego.

Carta europea
 

A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo estatuto en ámbitos como educación, xustiza, administración, relacións sociais e económicas, cultura ou relacións transfronteirizas. Isto afecta Galiza e as zonas de lingua galega de Castela e León.
 

En ocasións anteriores, os expertos europeos alertaron sobre as graves deficiencias na aplicación da Carta, nomeadamente no do ensino, o que motivou unha recomendación do propio Consello de Ministros sinalando que a introdución doutra lingua non podía servir de escusa para a eliminación da propia no ensino. Porén, nesta ocasión, o Estado remitiu ao Comité de Expertos un informe que, segundo A Mesa, "manipula os datos e que mente", co fin de obter unha avaliación positiva. "O Estado mente ao Consello de Europa manipulando os datos oficiais", asegurou Marcos Maceira, presidente da Mesa. 


 

Comentarios