Opinión

Menos mal que nos queda Portugal

A pouco máis de cen kms da raia húmida do Miño, na Gallaecia histórica, a cidade de Porto enfronta un cobizoso programa de desenvolvemento empresarial e anovamento urbano, dirixido por Rui Moreira. Un alcalde que cre na cidade e que soubo alicerzar a súa xestión en apoios amplos e transversais.

Porto constitúe unha contorna atractiva para as empresas tecnolóxicas. Vén de recibir o prestixiado World Excellence Award para a cidade europea máis amiga das startups, é dicir as novas empresas, normalmente do sector das tecnoloxías da información e coñecemento (TIC) que teñen un amplo horizonte de desenvolvemento. Un instrumento fundamental para esta contorna “business friendly” é Scaleup Porto, instrumento público nado no concello que asesora e facilita as xestións aos novos proxectos emprendedores tecnolóxicos, mentres que InvestPorto é o eficaz instrumento de atención aos investimentos inmobiliarios e os que priorizan a base física. 

O banco de investimento francés Natixis vén de inagurar o seu centro de  competencias tecnolóxicas e da información na cidade irmá, empregando máis de 300 persoas de elevada cualificación, que serán o duplo á fin do 2018. Os franceses fixáronse no Porto polo clima aberto ao investimento e pola existencia de xente nova ben cualificada.

Mentres, na nosa Galicia, Feijóo e o PP promoven reformas lexislativas para facilitar investimentos puramente extractivos de grandes empresas, nomeadamente na minaría, no canto de atraer investimentos tecnolóxicos e de promover as startups. E promoven Asturies e Castela e León como parceiros exteriores no canto de mirar por unha meirande integración na grande Eurorexión Galicia-Norte de Portugal. Un espazo de seis millóns de persoas que habería repenicar o pulo expansivo do Porto.

Feijóo e o PP promoven reformas lexislativas para facilitar investimentos puramente extractivos de grandes empresas, nomeadamente na minaría, no canto de atraer investimentos tecnolóxicos e de promover as startups

 

En realidade, ocorre que o alcalde Rui Moreira considera Porto o centro do mundo e o foco da súa atención, mentres é moi dubidoso que o presidente Núñez Feijóo pense o mesmo do país que lle encargou tres veces o seu goberno.

Como adoita dicir o catedrático da USC Rubén Lois, que dirixiu a Administración turística galega entre 2005 e 2009, “no contexto internacional a xente mira para os países e non para as provincias”.
  

Comentarios