Múltiples actos no 82 aniversario do fusilamento de Bóveda

Na memoria dos mártires da liberdade

Oitenta e dous anos despois do asasinato de Alexandre Bóveda na Caeira (Poio), o Día da Galiza Mártir multiplícase. Asociacións, partidos políticos, fundacións ou institucións converten a xornada nun memorial daqueles que morreron por defender a liberdade. Como mínimo, 4.700 persoas entre 1936 e 1939, segundo os datos do proxecto interuniversitario Nomes e Voces.
 

Día da Galiza Mártir na Casa do Pobo (Nós), en Oleiros
photo_camera Día da Galiza Mártir na Casa do Pobo (Nós), en Oleiros.

Os actos centrais en lembranza de Bóveda serán esta sexta feira en Poio e Pontevedra. Da man da fundación que leva o seu nome e mais do Concello de Poio, á unha do mediodía na Caeira, será a homenaxe nacional ao que foi secretario xeral do Partido Galeguista. Intervirán a filla de Bóveda Amalia, o alcalde da localidade Luciano Sobral (BNG), Carlos Mella da Fundación Castelao ou un representante dos 19 represaliados pola ocupación do Pazo de Meirás.

1-17.23.15

Na hora do xantar na Alameda da Seca, a Fundación Bóveda entregará o XIII Premio Galiza Mártir, que nesta edición obtivo Xosé María López de Guereñu, un dos fundadores da entidade. Ademais, haberá unha mención especial para os dous primeiros presidentes, Fernando Quintela e Manuel Beiras. O fillo deste último, Xosé Manuel, será o encargado de ofrecer o discurso do Día da Galiza Mártir no cemiterio de San Amaro, en Pontevedra, onde se atopa o panteón da familia Bóveda.

Porque Pontevedra é o outro epicentro da xornada. Na cidade sucederanse actos políticos. De primeiro, En Marea organiza Memorias Rescatadas ás 12.00 horas nas escaleiras de Facenda no Xardín da Ferrería. Falarán varios dirixentes da confluencia e mais a escritora Marilar Aleixandre. Na Taberna Saudade, Galiza Nova -as mocidades do BNG- xuntaranse para o xantar do Día da Galiza Mártir.

Xa pola tardiña, ás 20.30 horas na praza de Curros Enríquez, o Bloque terá o seu acto nacional, coa portavoz Ana Pontón e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes. Mais os actos da fronte nacionalista non se limitan a Pontevedra. En Boiro, tamén ás 20.30, o recordo será para “o mártir Xosé Maceiras Vilasó” na Rotonda dos Mártires.

O BNG de Oleiros lembrará, o domingo 19 de agosto ás oito do serán no adro da igrexa de Santalla de Liáns, a familia xitana Jiménez Montoya, asasinada polos fascistas. Participarán o escritor Manuel Rivas ou o deputado no Parlamento galego Xosé Luís Rivas, Mini, entre outros. Xa na segunda feira haberá actos en Compostela -homenaxe a Ánxel Casal na praza 8 de Marzo, coa portavoz local Goretti Sanmartín, ás 12.00 horas- e en Ribeira -ofrenda floral ás vítimas do franquismo, ás 20.00 horas no cruce das rúas Alexandre Bóveda e Manuel Lustres Rivas.

Colectivos da memoria e asociacións

Mais alá das organizacións políticas, asociacións culturais, centros sociais ou colectivos pola memoria democrática tamén se suman ao Día da Galiza Mártir. En Ferrol, ás 20.30 horas esta sexta feira, a Fundaçom Artábria rende tributo ao profesor Juan García Niebla e ás assasinadas polo franquismo en Trasancos. Será no Baluarte de Canido.

Na Coruña, o sábado ás 12.30, a asociación cultural Alexandre Bóveda homenaxea as mulleres represaliadas na rúa Alexandre Bóveda. O domingo, na Estivada de Cacheiras, en Teo, o concello conmemora o 82 aniversario do pasamento de Ánxel Casal e “as vítimas da infamia”. Na homenaxe haberá representantes dos concellos de Compostela, A Coruña e Arzúa e mais o alcalde de Teo Rafa Sisto (Son de Teo).

Comentarios