Imaxes inéditas dos 50

Memoria filmada do galeguismo do interior

Daniel Calzado Poceiro, galeguista, fora alcalde de Tomiño na II República. Exiliado en Bos Aires, destácase como activista político e cultural. As imaxes, datadas de 1951, 1952, rexístrano de volta en Galiza. Visita a Editorial Galaxia, en Vigo, e ao seu redor atópanse Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Francisco del Riego, Manuel Gómez Román, Illa Couto.
 

OteroPedrayoAntonBeiraseoPresidentedoCentroGalegodeBBAAVazquezIglesias
photo_camera Otero Pedrayo (dereita) con Antón Beiras (con lentes) e o presidente do Centro Galego de Bos Aires Javier Vázquez Iglesias (sentado, con pelo) nun fotograma de 'Rescatada'. Imaxe: cedida.

gomezroman_paseandoporVigo

O documento é histórico: o galeguismo do interior en movemento. Recuperouno, case o resucitou, Miguel Piñeiro en Rescatada. 68 anos agardando a memoria filmada. Os seus 37 minutos recollen sete secuencias sobre o movemento galeguista, gravadas en 16 milímetros por Alborada Films. Á súa fronte, o oftalmólogo vigués Antón Beiras.

Piñeiro, xenro de Beiras e a pedagoga Antía Cal, atopou o material xa a finais dos 90. Catro latas “bastante deterioradas” contiñan o rastro inaudito da resistencia culturalista que, desde finais dos anos 40, intentaba reorganizar o galeguismo. A restauración dese celuloide, “cuarteado e avinagrado”, demorou anos, explica o director de Rescatada a Sermos Galiza.

As tres primeiras fitas foron facéndose públicas ao longo deste século. A Pelegrinaxe Lírica a Lugares Rosalianos é talvez a máis completa, con textos redactados por Celso Emilio Ferreiro e inscritos sobre o propio celuloide. Doce minutos sobre a cidade de Vigo informan a segunda, esta con banda sonoro a xeito descritivo. A terceira posúe “gran valor etnográfico” e trata das danzas de Aldán, no Morrazo. Pero o lamentábel estado da cuarta e última adiou o rescate.

Xaimeillaegomezromanengalaxia

“Era un material desafiuzado. Avinagrado, deshidratado. Nin con lavados conseguiamos refacelo. Tocabas os fotogramas e desfacíanse na man. E non sabiamos que imaxes contiña”, relata Piñeiro, “até que un día me deu por revisala fotograma a fotograma, os 17.000”. Cunha mesa de luz en Atlantis Multimedia -a empresa audiovisual do realizador- repasou cada cadriño, cortou os totalmente irrecuperábeis e escaneou o resto. “Así fomos vendo o que había”, di. E o que había era asombroso

As sete secuencias


Ademais da visita do ex alcalde Calzado a Galaxia, Rescatada. 68 anos agardando a memoria filmada inclúe unha homenaxe ao gaiteiro, zanfonista e folclorista Perfecto Feijoo (1858-1935), con intervención de Otero Pedrayo e actuación do Coro da Artística fundado polo propio Feijoo. Actos da Real Academia Galega en honra de Curros Enríquez e Pardo Bazán. Unha intervención de Filgueira Valverde tras un concerto da coral polifónica de Pontevedra. O ingreso na Academia do arquitecto Manuel Gómez Román. Un xantar para os membros do Centro Galego de Bos Aires que visitaban Vigo e en que falan Valentín Paz Andrade e Sebastián Martínez Risco.

ruadevigo

Mais a peza central “e máis substanciosa” dedícaa Alborada Films a Gómez Román. “É un documental sobre o seu traballo no estudo. Sae nas obras e con canteiros, percorrendo Vigo a pé ou en tranvía, ou asistindo á colocación do ramo nalgunha das súas obras”, explica o comunicado de difusión de Rescatada. Todos os rexistros son de 1951, 1952. E beneficiáronse doutro achado de Piñeiro: un sobre cun guión descritivo e de ordenación das imaxes. O que non apareceu foi a banda de son.

Porque a empresa de Alborada Films tiña como obxectivo o exilio. “Eran un contra NODO destinado á cultura galega no exilio”, afirma a nota mencionada. Baixo o mando e a produción de Antón Beiras -“un fotógrafo de nivel, afeccionado a todo o que era a imaxe-, Pedro do Pazo e Pedro Piñeiro operaron a cámara de 16 milímetros que testemuñou algunhas das primeiras accións galeguistas na ditadura.

Rescatada. 68 anos agardando a memoria filmada estreouse o pasado 17 de maio no Marco de Vigo. Até o 15 de setembro proxectarase de xeito continuado nunha das salas da planta baixa do museo cos comentarios en off do historiador Xurxo Martínez.

Nota: fotogramas de Rescatada. 68 anos agardando a memoria filmada. De arriba a abaixo, o arquitecto Manuel Gómez Román polas rúas de Vigo; Xaime Illa Couto (de pé) e Gómez Román; unha imaxe de Vigo.

Comentarios