Memoria do esquecemento en Compostela

Promovida polo grupo de investigación en Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX (Histagra) da USC, a mostra Deconstruír o franquismo inaugúrase ás 12 horas de hoxe na súa ubicación no Paseo Central da Alameda compostelá, a apenas uns poucos metros do que foi un dos maiores centros de represión na Galiza e hoxe escola infantil.

A mostra está instalada no interior dun contedor de madeira situado no corazón da Alameda de Santiago.
photo_camera A mostra está instalada no interior dun contedor de madeira situado no corazón da Alameda de Santiago. (Foto: Histagra).

No primeiro día lectivo após as vacacións de Nadal o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, acudía á Escola Infantil Santa Susana de Compostela para "facer a foto", tal e como criticaron pais e nais nas páxinas de Nós Diario

Mais poucas desas persoas -quizais nin o propio Feixoo- son conscientes de que o que hoxe é un lugar de educación, alegría e risos, foi no seu momento "un lugar de morte".

"Logo da guerra civil española alí tiveron lugar torturas, violacións de mulleres, ou rapaduras de pelo, e á xente dábanlle aceite de rícino. Unha cousa así en Alemaña estaría marcada, mais aquí non, porque aquí non perderon a guerra os fascistas", conta para Nós Diario Lourenzo Fernández Prieto, comisario da exposición Deconstruír o franquismo.

O historiador revela que pretende rescatar a memoria e as historias, moitas veces ocultas "detrás duns espazos que cambiaron, mais non para as persoas que sufriron, pois seguen tendo un enorme significado, como é o caso da propia Escola Infantil de Santa Susana ou do campo de concentración de Santa Isabel".

Promovida polo grupo de investigación en Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX (Histagra) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a mostra inaugúrase ás 12 horas de hoxe na súa ubicación no Paseo Central da Alameda compostelá, a apenas uns poucos metros do que foi un dos maiores centros de represión na Galiza e hoxe escola infantil.

A instalación foxe da grandilocuencia doutras instalacións artístico-culturais que se teñen desenvolvido no mesmo espazo, mais Fernández Prieto considera que o propio concepto da instalación, inserta nun contedor  -"como os que van nos barcos", apostila con humor- que está elaborado en madeira e rotulado co título e o logo da mostra creará un "impacto" suficiente para a súa "historia pública de intervención".

Colaboración galego-catalá

A idea orixinal da mostra é dos profesores da Universidade de Barcelona Núria Ricart e Jordi Guixé, que colaboran con Histagra a través do European Observatory on Memories, "un observatorio sobre as memorias europeas e o que aquí chamamos 'pasados incómodos': memorias de guerras, de ditaduras, de xenocidios...", relata.

O catedrático de Historia sitúa a chegada da exposición itinerante a Compostela no marco "da relación que temos con eles, pois arriba aquí logo de levarse a cabo en lugares como Barcelona ou Pamplona".

Deconstruír o franquismo presenta no interior dese contedor -que permanecerá instalado na Alameda até o vindeiro día 6 de febreiro- "un conxunto de materiais para dar a entender unha lóxica de historia pública fundamental para deconstruír o franquismo, no que se estabelecen as ideas de supervivencia do réxime, ausencias da memoria, veladuras do franquismo, amnesias e expropiacións, que conforman no seu conxunto a narrativa que dá continuidade á exposición". 

"Porque -continúa- o fácil a día de hoxe, aínda que pareza mentira, é retirar unha cruz dos caídos, o complicado son as historias incómodas que producen eses espazos reintepretados, como a Escola Infantil de Santa Susana, que co tempo cambiaron, pero que teñen un significado que debe ser recordado. A historia ten unha función pública que debe ser empregada para non esquecer a brutalidade do fascismo".

Comentarios