Análise

A memoria democrática molesta o PP

A formación, fundada e dirixida durante anos polo antigo ministro da ditadura Manuel Fraga e que vai agrupar nas súas filas persoas con importantes responsabilidades no réxime non vai facer efectiva a súa condena ao franquismo até o 20 novembro de 2002. O PP ten rexeitado desde aquela en numerosas institucións a reprobación da ditadura.
Marcha pola devolución do Pazo de Meiras en 2018. (Foto: Europa Press)
photo_camera Marcha pola devolución do Pazo de Meiras en 2018. (Foto: Europa Press)

O Partido Popular ten unha relación conflitiva coa memoria democrática. A formación, fundada e dirixida durante anos polo antigo ministro da ditadura Manuel Fraga e que vai agrupar nas súas filas persoas con importantes responsabilidades no réxime non vai facer efectiva a súa condena ao franquismo até o 20 novembro de 2002. Malia esta inicial declaración no Congreso dos Deputados, o PP ten rexeitado desde aquela en numerosas institucións a reprobación da ditadura, chegando a amoestar cargos públicos que no ámbito local se teñen sumado a homenaxes ás vítimas da represión.

Alberto Núñez Feixoo chega á Xunta da Galiza en 2009 desmontando todas as iniciativas de recuperación da memoria histórica iniciadas polo Goberno bipartito. Neste sentido destaca o fechamento da Illa de San Simón, como gran centro nacional da memoria posto en marcha á volta de 2006 e onde a carón dos actos de lembranza e reparación ás vítimas se desenvolve todo un programa de actuacións no ámbito cultural, ambiental e educativo, cun plan de visitas destinado aos centros escolares que tiña a intención de achegar á sociedade a barbarie franquista e formar nos valores democráticos as novas xeracións.

O Executivo de Feixoo non tarda en definir un novo plan de usos para o antigo campo de concentración da ditadura e transformalo nun espazo para o negocio, onde conviven as festas de piratas coas celebracións do Hallowen. 

O combate contra a memoria de Feixoo non remata coa clausura do centro da Illa de San Simón. Os proxectos impulsados neste ámbito polo director xeral de Cultura do Executivo bipartito, Luís Bará, son arrombados un tras outro, entre eles o Consello da Memoria, como órgano asesor na materia do Goberno galego, as liñas de axuda para investigacións e publicacións ou os fondos para apertura de foxas comúns mediante un convenio co Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela. O acontecido en San Simón é unha mostra do que Feixoo tenta repetir en Meirás á espera da reacción social.

A loita pola recuperación de Meirás entra agora nunha nova fase. A recente resolución xudicial que nomea o Estado depositario do pazo por un período transitorio, até a existencia dunha sentenza firme, require a curto prazo dunha resignificación do espazo para libralo do seu tufo franquista pero obriga as diversas administracións a fixar un novo uso do mesmo en colaboración co movemento memorialístico.

Neste liña, o Partido Popular ten defendido a utilización do inmóbel como lugar de homenaxe e lembranza á figura da súa antiga propietaria, Emilia Pardo Bazán, se ben na xuntanza mantida na pasada terceira feira entre o Estado, Deputación da Coruña e concellos da Coruña e Sada, o representante da Xunta, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ten matizado a posición inicial.

A definición dos usos do inmóbel preséntase como unha batalla dura. A maiores de explicar o acontecido durante os anos da ditadura, onde o lugar actúa como residencia de verán do xefe do Estado, resulta obrigado un espazo para analizar os outros 45 anos, onde morto Francisco Franco a familia continua empregando o lugar. Sen dúbida esta é a principal anomalía de Meirás, só explicábel no marco do proceso de Transición e do réxime institucionalizado na constitución de 1978.

Comentarios