A Deputación da Coruña promove o estudo

A memoria da ‘xeración perdida de 1936’, recuperada no presente

A Deputación da Coruña é unha institución pioneira na recuperación da memoria. Ao seu impulso, débese a elaboración do proxecto a “Xeración perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña”, onde se rescata a historia dos cargos electos represaliados en 1936 nas comarcas coruñesas.
José López Bouza, Ánxel Casal, Xaime Quintanilla e Carlos Monasterio.
photo_camera José López Bouza, Ánxel Casal, Xaime Quintanilla e Carlos Monasterio.

A investigación dos sucesos a c o n t e c i d o s nos días, meses e anos posteriores ao golpe de Estado de 1936 segue a ser unha tarefa pendente. Naquelas circunstancias, as novas autoridades iniciaron un proceso represivo que rematou coa aniquilación física, o encarceramento, o exilio e as sancións económicas ou administrativas para centos de cargos electos no conxunto da Galiza. Co obxectivo de determinar o alcance da represión nas comarcas coruñesas, analizar as súa características, expli‑ car a súa operativa e dotarse da información precisa para honrar a entrega daqueles concelleiros, deputados e alcaldes, a Deputación da Coruña promoveu o proxecto a “Xeración perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña”.

O proxecto da Deputación da Coruña tiña o obxectivo principal de ampliar o coñecemento sobre a vida social e política nos concellos coruñeses nos momentos finais do período republicano, recuperar a memoria das corporacións democráticas derrocadas polo golpe militar de 1936 e rescatar do esquecemento os seus membros represaliados.

A este respecto, a anterior vicepresidenta da entidade, Goretti Sanmartín presentou o proxecto como “unha investigación co fin de borrar o esquecemento e botar luz sobre os nomes, as imaxes e as biograías das persoas que ocupaban cargos públicos e coas que temos unha débeda de xustiza e recoñecemento”, defendendo “a necesidade de facer xustiza como única maneira de garantir a dignidade das institucións para o noso futuro”.

O programa veu cubrir unha eiva no campo do coñecemento histórico. Malia que a circunscrición coruñesa conta‑ba con 94 municipios en 1936, a maior parte dos traballos estaban centrados nos seus máis importantes núcleos urbanos e vilegos, polo que se carecían de investigacións da maioría das localidades, descoñecíase a composición de boa parte das corporacións e non se contaba con información do sucedido no groso das comarcas.

Alén da súa contribución ao labor da recuperación da memoria democrática, o proxecto permitiu a restauración dunha parte significativa da historia local, ofrecendo unha visión máis completa da complexa e diversa realidade coruñesa e colocando o foco en cada un dos concellos para desfacer  visións simplificadoras de máis.

O traballo de investigación e documentación correu a cargo dos membros e colaboradores do grupo de investigación Hispona, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e nel participaron recoñecidos estudosos no ámbito da memoria como Emilio Grandío Seoane, Eliseo Fernández Fernández, Alfonso Iglesias Amorín, Rosalía Regueiro Méndez e Manuel Pérez Lorenzo. O equipo estivo dirixido polo profesor da USC Emilio Grandío, bo coñecedor da realidade política da circunscrición da Coruña no período da II República e que tiña coordinado para esa área o programa “Nomes e Voces”. Pola súa banda, Eliseo Fernández era un autor dunha abondosa bibliografía sobre o movemento obreiro e a represión así como autor dunha pioneira biografía sobre José López Bouza, presidente da Deputación da Coruña nos tempos da Fronte Popular.

López Bouza, o presidente asasinado

A historia de López Bouza ben pode simbolizar aquela “xeración perdida” recuperada pola deputación coruñesa. Ferrolán de 1890, emigrante na Arxentina, ligado ao movemento anarcosindicalista nos seus primeiros anos, impulsor do Congreso pola Paz organizado en Ferrol en 1915 en protesta contra a I Guerra Mundial, promotor dunha escola laica inspirada na proposta pedagóxica de Ferrer Guarda en Canido e posteriormente volteado cara ao republicanismo sen abandonar as súas querenzas libertarias, foi paseado o 30 de agosto de 1936 na súa cidade natal. López Bouza recalou na presidencia da institución após ocupar os Gobernos Civís de Lugo, A Coruña e Ourense e militar nas diversas organizacións partidarias impulsadas por Casares Quiroga.

Ánxel Casal, alcalde de Santiago de Compostela e vice presidente da entidade canda López Bouza, puxo a institución ao servizo da campaña do estatuto de autonomía da Galiza de 1936 e rematou asasinado o 19 de agosto de 1936 en Teo. Emigrante na Arxentina e en Francia, militante de primeira hora da Irmandade da Fala, or‑ ganizador e mestre nas “Escolas do ensino galego” da Coruña e cadro de referencia do Partido Galeguista, destacou como impresor e propietario da editorial Nós en Compostela, cuxa sede foi saqueada e parte do seu fondo de libros queimado polos franquistas.

Casal atopouse na Deputación da Coruña con outro vello amigo das Irmandades da Fala, incorporado ás filas do PSOE na segunda metade da década dos 20, alcalde nos primeiros anos republicanos de Ferrol e membro significado daquela “xeración perdida de 1936”. Xaime Quintanilla, nado na Coruña en 1898, estudou en Compostela, onde destacou como dirixente estudantil e participou primeiro no movemento libertario e poste‑ riormente no nacionalismo, tras unha estadía no republicanismo.

Estabelecido como médico en Ferrol, gañou fama pola súa calidade humana, profesional e cultural, significándose como acreditado escritor en lingua galega. Quintanilla foi outra referencia inescusábel na campaña do Estatuto de 1936.

Os funcionarios da ‘xeración perdida’

O golpe militar de 1936 abriu a porta a un fondo proceso de de‑ puración da Administración por razóns ideolóxicas que apartou da mesma un bo número de traballadores públicos. As corporacións locais galegas viron como parte do seu persoal nos diversos niveis de responsabilidade foron privados dos seus postos, rematando unha parte deles executados. A Deputación da Coruña non foi unha excepción neste proceso até o punto de que o seu interventor, Carlos Monasterio Valeiro, morreu a mans das autoridades franquistas.

Monasterio Valeiro, coruñés de 1890, formado na Escola Profesional de Comercio da Coruña, tamén coñecida como Escola de Altos Estudos Mercantís, desempeñouse desde 1916 como interventor do Asilo da Coruña, dependente da entidade provincial, posteriormente ocupou a mesma responsabilidade no Concello de Ortigueira entre 1928 e 1931 e xa desde finais de 1932 na Deputación da Coruña, co nome de “Oficial Maior de Intervención da Corporación”.

Monasterio Valeiro morreu nun bombardeo da aviación franquista na localidade oscense de Fraga en decembro de 1938. Agochado nos días posteriores a 18 de xullo de 1936 en Sobrado dos Monxes, detido e encarcerado, logrou fuxir da Coruña e exiliouse en Chile, volvendo ao Estado español a mediados de 1937 para incorporarse ás filas do exército republicano. Após a súa morte, a institución provincial aínda tramitou o expediente de depuración ordenado pola autoridade militar. Unha sorte semellante a de Valeiro correuna o seu compañeiro na Irmandade da Fala, Joaquín Martín Martínez, secretario do Concello da Coruña asasinado o 31 de agosto de 1936. Membro da Liga Galega e de Solidariedade Galega e histórico do republicanismo na cidade, malia a súas posicións centristas, non lle perdoaron o seu compromiso univocamente democrático.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios