Imprimir

O mellor da marcha galega rétase mañá en Pontevedra

Redacción | 20 de novembro de 2020

A marchadora galega Antía Chamosa. (Foto: FG de Atletismo).
A marchadora galega Antía Chamosa. (Foto: FG de Atletismo).
Os irmáns Chamosa parten como favoritos nesta proba.

Esta fin de semana as pistas do Centro Galego de Tecnificación de Pontevedra serán a sede do Campionato da Galiza de Marcha en Pista, onde preto dun cento de marchadores e marchadoras acudirán para loitar a partir das 9.45 horas polos postos de podio desta edición, que será retransmitida e comentada ao vivo a través da canle de Youtube da FGA.

As medidas de seguridade marcarán, como vén sendo habitual en todos os deportes, o desenvolvemento dun certame no que destaca a presenza de Antía Chamosa, vixente campioa de España absoluta, que participará na proba dos 5.000 metros marcha. A deportista da Gimnástica intentará sumar o seu sexto título galego da modalidade, co que empataría así a triunfos cos acadados no seu día por Eva Iglesias.

Nos homes, o seu irmán Daniel Chamosa, tamén atleta da Gimnástica, parte de igual modo como favorito para sumar o que sería o seu quinto título de campión da Galiza, que de conseguilo deixaríao a tan só un triunfo dos seis de Jorge Ignacio Silva.

Nesta mesma categoría cómpre salientar a participación do Subcampión mundial e campión europeo Máster, Iván Morais, do Marineda, quen xa coñece o que é gañar un Galego grazas ao seu triunfo no ano 2018 en Narón. E, por outra banda, ademais da absoluta competirase tamén nas categorías Sub-12, Sub-14, Sub-16, Sub-18, Sub-20, Máster 40 e Máster 45.

En memoria de Llopart e Mariano Castiñeira

Durante o momento da saída da proba absoluta masculina gardarase un minuto de silencio en recoñecemento do que fora primeiro medallista olímpico do atletismo estatal e precursor da marcha, Jordi Llopart, recentemente falecido.

Este atleta estivo moi ligado á marcha galega a través do seu apoio a diversos proxectos atléticos, entre os que cabe destacar a do Gran Premio Internacional Cantóns de Marcha Atlética-Sergio Vázquez. 

Tamén esta mesma semana se produciu o falecemento do adestrador lucense Mariano Castiñeira, que será igualmente lembrado nesta primeira proba oficial desde o seu pasamento "á espera de poder organizar no Concello de Lugo un acto acorde a súa importancia e relevancia", segundo afirmaron fontes da Federación Galega de Atletismo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/mellor-da-marcha-galega-retase-hoxe-pontevedra/20201120202400109530.html


© 2020 Nós Diario