Melbourne, seis semanas confinada ante o rexurdimento do coronavirus

O ministro principal do Estado de Vitoria, Daniel Andrews, admitiu que "non haberá algo parecido á 'normalidade'" até que non haxa unha vacina ou un tratamento efectivo fronte á Covid-19. 
EuropaPress_3223764_victorian_premier_daniel_andrews_speaks_to_media_in_melbourne_tuesday_july
photo_camera O ministro principal do Estado de Vitoria, Daniel Andrews (AAP Image)

A segunda maior cidade de Australia, Melbourne, vivirá seis semanas baixo confinamento polo novo rexurdimento de casos de coronavirus detectado nos últimos días, segundo informou na terza feira, 7 de xullo, o ministro principal do Estado de Vitoria, Daniel Andrews.

A medida entra en vigor na medianoite da terza á cuarta, despois de que se confirmaran 191 novos contaxios só no Estado de Vitoria, unha cifra sen precedentes desde o inicio da pandemia da Covid-19. As autoridades estiman que hai polo menos 772 casos activos, segundo explicou a cadea de TV pública ABC.

Andrews recoñeceu que, con estes datos, "é simplemente imposíbel" poder rastrexar os contactos de todos os contaxios para conter posíbeis focos. "Estamos no inicio de algo moi, moi malo de non tomarmos medidas agora", advertiu o mandatario.

Os residentes de Melbourne ─e da lindeira comarca de Mitchell─ non poderán saír da casa agás para traballar, facer a compra, practicar exercicio ou acudir ao médico, entre outras tarefas consideradas básicas.

As forzas de seguridade tamén vixiarán o perímetro da zona confinada para evitar que o virus se poida estender a outras zonas do país. Desde onte está fechado tamén o límite entre Nova Gales do Sur e Vitoria, 2.100 quilómetros de fronteira vixiada agora polas Forzas Armadas.

Á espera dun tratamento

"Non é onde queriamos estar, mais temos que enfrontar a realidade da nosa situación. Non facer nada tiña consecuencias mortais", dixo Andrews nun comunicado, onde admitiu que "non haberá algo parecido á 'normalidade'" até que non haxa unha vacina ou un tratamento efectivo fronte á Covid-19. 

Comentarios