O mel galego deféndese do mel foráneo

A negativa da Comisión Europea ao proxecto de real decreto do Ministerio de Agricultura que exixía dar a coñecer a procedencia do mel que se comercializa é outro atranco máis a un sector que non vive o seu mellor momento. Na Galiza, malia contar coa defensa de ter a etiquetaxe da Indicación Xeográfica Protexida (IXP), loitan contra os baixos prezos.   
Mel coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP)
photo_camera Mel coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP)

Galiza produce 2,5 toneladas de quilos ao ano, unha cantidade que decreceu co tempo. "Hai 40 anos a produción por colmea era de 22 quilos e hoxe está en 15 quilos", explica a Sermos Galiza Xesús Asorei, secretario deAsociación Galega de Apicultura (AGA). "A calidade do noso mel, iso si, é moi superior a outros que se están a comercializar". O mel galego non se somete a ningún proceso industrial, basease no mel en frío con toda a súa composición biolóxica intacta.  "O mel industrial está sometido a altas temperaturas e perde todas as súas propiedades antibióticas e medicinais".

Competencia de mel barato

Desde AGA critican que Europa ceda diante das presións das grandes empresas do sector. "A industria manda máis que os produtores, interesáballe que fose así e os consumidores somos os máis prexudicados pola imposibilidade de saber a procedencia do mel", explica a Sermos Galiza o secretario da Asociación, "coa actual norma pode venderse mel que teña un 1% de produto local e un 99% de fóra sen especificar esta porcentaxe".

O mel que chega de fóra ten a súa orixe en países como China ou Arxentina.

O mel que chega de fóra ten a súa orixe en países como China ou Arxentina e o seu prezo é moito menor. "Fálase de que hai moitos laboratorios e que non é mel de abellas o que chega de fóra", relata a Sermos Galiza o secretario de AGA. Un dos xeitos de diferenciar o noso mel doutros é pola cor. "Contamos con dúas terceiras partes de monte e o noso mel procede de flores silvestres polo que a súa cor é moito máis escura".

Á espera de que o Goberno español presente un novo documento diante da Comisión Europea na Galiza temos dúas maneiras de consumir mel feito na Galiza. "Mercarmos en tendas e grandes superficies mel galego coa etiquetaxe da IXP de Mel de Galiza ou de xeito directo a través das 20 feiras que temos no país".

Comentarios