Opinión

Meirás e a tentativa por ocultar a historia

O30 de decembro de 1969, a súa tradicional mensaxe de Nadal o ditador Francisco Franco pronunciaba por primeira vez a frase “todo queda atado e ben atado”, referíndose a que despois da súa morte a sucesión e a continuidade do réxime estarían garantidas na persoa de Juan Carlos de Borbón.

Esa frase, que o ditador pronunciaría aínda algunha vez máis en público, segue pronunciándose no Estado español pese a ter pasado 45 anos da morte de Franco; certo que se pronuncia con pequenas adaptacións, pero con permiso dos e das lingüistas atreveríame a dicir que son adaptacións gramaticais que non modifican a semántica da mesma. Pronúnciase cando se rexeita que se poidan investigar as actuacións do rei emérito e esixirlle responsabilidades penais. Pronúnciase tamén cando se nega a posibilidade de modificar unha Constitución que foi elaborada baixo presión das baionetas como teñen recoñecido algúns dos protagonistas. Pronúnciase tamén cando se solicita investigación sobre o posíbel beneficio do actual rei nos negocios ilícitos do pai.

“Aquí non se toca nada” podería ser esa adaptación ao século XXI, pero as veces as cousas non saen como querían quen deseñaron no seu momento a sacrosanta transición e quen hoxe fan loas ao seu suposto espírito de reconciliación. A loita do Pazo de Meirás é un exemplo da resistencia a asumir un borrón e conta nova que buscou igualar a vítimas e verdugos. A devolución desa propiedade por parte dos herdeiros do ditador é un feito histórico de moito valor, pois demostra que a loita cando é persistente dá froitos. Este feito ademais supón un duro golpe a ese espírito da transición que serviu para manter viva unha mentalidade antidemocrática forxada no franquismo, unha mentalidade que de cando en vez dá un toque para que saibamos que está vixilante e non vai permitir que o atado se desate. Vímolo nas últimas semanas coas cartas dirixidas ao monarca e as conversas de grupos de mensaxería nas que militares xubilados advirten dunha perigosa dexeneración da súa Una Grande y Libre que pode rematar na ruptura de España, e para evitala falan da necesidade de fusilar a millóns de persoas.

E aínda que as formas dos militares poidan ser un pouco brutas, o contido real do discurso vén sendo o mesmo que o de Núñez Feijoo, a quen a progresía da capital do estado leva desde hai un par de anos presentando como principal representante da dereita civilizada.

O mesmo Feijoo que hai tres anos dixo que expropiar o Pazo de Meirás era empregar contra unha familia un mecanismo franquista, agora reclama a propiedade do Pazo, propoñendo un uso que levaría á ocultación definitiva do papel que tivo Meirás na ditadura franquista. E hai peixes que pican no anzol que bota de converter o Pazo nun lugar de homenaxe a Emilia Pardo Bazán.

Meirás é patrimonio do pobo galego non por ter sido durante un tempo vivenda dunha escritora con maiores ou menores capacidades, ou máis ou menos feminista; entrar nese tema sería o mellor agasallo á estratexia deseñada polo PP.

Meirás recuperouse debido á súa vinculación coa ditadura, e por tanto debe converterse nun elemento central para coñecermos o masacre e o espolio que supuxo para Galiza o franquismo. E debe ser complementario da Illa de San Simón, un lugar manipulado e degradado polo PP que precisa recuperar a súa función como Illa da Memoria. Meirás e San Simón compleméntanse perfectamente e permiten unha visión integral da ditadura; o Pazo permítenos a un tempo saber como actuaron parte das elites para agasallar ao ditador e coñecer da presenza deste e do seu séquito en Galiza nos veráns; e a illa de San Simón convertida en campo de concentración e aniquilamento ofrécenos a visión da loita contra a ditadura e da actuación dos vitimarios. Está claro que o actual Goberno galego vai tentar impedilo pois suporía non seguir o camiño marcado polo ditador naquel nadal de 1969, pero o proceso de recuperación do Pazo de Meirás é unha proba da importancia da persistencia nun obxectivo. 

Comentarios