Opinión

Meigas, gafe e Santa Compaña mudaron o rombo máxico por un sainete de dous rombos

O Dépor de Mel xa levaba cinco puntos máis nas oito primeiras xornadas da primeira volta que os que leva sumados nos mesmos partidos o Dépor de Parralo e Seedorf na segunda quenda da Liga. Oito puntos levaban os de Mel. Agora só suman tres.

Un non sabe xa que dicir nin que pensar. O Deportivo finalmente sumou un punto, que hai que valorar positivamente se temos en conta que dos noventa minutos de partido, oitenta foron grotescos. Si, valorar positivamente porque o equipo fixo o esforzo de resolver a escenificación burlesca que os xogadores de Seedorf e Seedorf incluido interpretaron sobre o verde.

No fútbol está todo inventado, ou case todo. O que pode ser diferente é a interpretación, dependendo do rival, das condicións do terreo de xogo, da situación anímica, do aspecto físico, o entendemento entre os futbolistas, as dinámicas aprendidas, e un sinfín máis de condicións. Seedorf está facendo prácticas de laboratorio co Dépor moi perigosas. Está absolutamente perdido. Non sabe que tipo de futbolistas ten ó seu cargo -e xa van catro semanas con eles-, non sabe como nin onde ubicalos, o que é peor, non sabe escoller os once mellores futbolistas. Se por riba cada semana fai unha proba diferente o resultado é que os xogadores están tan perdidos como quen os dirixe.

O Dépor de Mel xa levaba cinco puntos máis nas oito primeiras xornadas da primeira volta que os que leva sumados nos mesmos partidos o Dépor de Parralo e Seedorf na segunda quenda da Liga

 

Cabería cavilar que tanto cambio táctico obedece a querer despistar ó contrario e tratar de sorprender desde sistemas tácticos non repetidos anteriormente. Pero esa teoría cae o primeiro segundo porque se algo ten demostrado este grupo de futbolistas é que aínda non foron capaces de interpretar o seu papel en practicamente ningún sistema táctico no que vai de temporada.

Sorprende que de todos os sistemas tácticos que se levan desenvolvido nas 27 xornadas de Liga que se levan disputadas, mais os partidos de Copa, ningún dos tres adestradores xogase algunha vez con sistema de tres centrais e dous carrileiros de longo percorrido.

Seedorf fixo un rombo sobre o terreo de xogo para crear ocasións de gol. Nese rombo estaban Muntari, Borges, Adrián e Çolak. Con Lucas e Andone por diante. En defensa, sacrificou a Juanfran para poñer a Bóveda no seu perfil natural e deixando no centro da defensa a Sidnei e Albentosa. No perfil esquerdo, preferiu a Fernando Navarro. Da defensa sorprende a admiración de Seedorf por Albentosa. O valenciano está moi nervioso e está a asinar unha temporada nefasta. É un futbolista que cobra un millón douscentos mil euros por temporada, un salario que merece moito máis temple, concentración e seguridade. Pero leva toda a Liga fóra de si, incómodo co ambiente e consigo mesmo. Non é capaz de asimilar o que pasa e transmite unha inseguridade impropia nun futbolista da súa categoría e nivel.

Seedorf está facendo prácticas de laboratorio co Dépor moi perigosas    

 

A gran sorpresa foi que Seedorf, probablemente para protexer a Rubén da súa última actuación en Xetafe, onde incluso chegou a discutir con algún afeccionado que o increpou xa rematado o partido, puxo na portería a Koval. O porteiro ucraíno ten un dedo da man roto. O técnico arriscou porque para el, o inédito Koval era como Hulk, un home vigoroso e cheo de caracter. En dez minutos, Koval fíxose o home máis pequeno do mundo. Máis que Hulk foi o gran heroe americano, aquel superheroe que era un desastre cada vez que saía a resolver unha misión. Elixiu unha saída tardía e en falso no primeiro gol, precedido dun erro absurdo no medio do campo de Sidnei -que faría alí o brasileiro!- disputando un balón con Muntari. Ningún dos dous posuíu o balón. Birloullo Charles dun xeito infantil, entre a confusión e o túa miña dos dous xogadores herculinos, e o Eibar nunha contra intelixente con Orellana de protagonista atopou un pase que cruzou detrás de toda a liña defensiva pasando por diante dos fuciños de todos, incluido o porteiro, sen que o coiro fose interceptado. O gol foi xa inevitable. Inui esperaba só para chimpar o balón ó fondo da rede. Koval baixou ós infernos inmediatamente ante os ollos incrédulos dos afeccionados. 

Antes do manifesto desconcerto defensivo, fundamentalmente propiciado por Sidnei, previo ó tanto eibarrés e a inesperada ineficacia do gardamallas -cuxa virtude é que se presume que sabe atacar e atallar o balón con enerxía, determinación e anticipación-, o Dépor tivo varias ocasións clarísimas para marcar. Velaí as probas.

O minuto tres marcou o inicio do gafe coruñés. Nunha xogada rapidísima Adrián filtrou un centro a Andone que pretendeu deixar a Lucas porque estaba só fronte a portería e recibiría de cara o seu pase. A deixada foi moi defectuosa e a oportunidade para este Dépor irrepetible. Nese mesmo minuto, outra contra rapidísima dos de Seedorf serviu para que esta vez Lucas lle enviase un semigol a Andone. O romanés precipitouse tanto que lanzou contra o corpo do porteiro, tendo para eParral só toda a portería disponible. O rombo foi máxico no minuto seis, cando Adrián soubo poñer na banda esquerda un balón perfecto para ser centrado. Fíxoo Andone e centrou medido, pero Lucas fixo de Andone e volveu rematar outra vez contra o corpo rosa do gardamallas. En seis minutos, tres ocasións claras de gol. Para colmo dos colmos, Navarro colocou na área do Eibar un centro valiosísimo que Andone gastou tirandoo o pau -o sexto en catro partidos con Seedorf-. O rexeite foi ós pes de Lucas que por segunda vez lanzou contra o “boneco”, un contrario. 

Dous minutos máis tarde, o rombo remexeu o partido. Çolak enviou por riba á banda dereita un fermoso pase que recibe Adrián, o asturiano centrou á posición de Andone. A cabezada do romanés foise ó pau e de rebote o corpo do porteiro e de segundo rebote volveu cara a porta coándose, por fin, na meta do Eibar. O primeiro gol de Seedorf como adestrador do Dépor chegoulle, xa que logo, de rebote, de chiripa. 

Neste barullo de oportunidades e desastres individuais non hai culpa de Seedorf, como tampouco a había con Parralo ou Mel. Os xogadores branco e azuis acumulan moitos desacertos, unha persistente dinámica negativa, excesiva ansiedade, unha inquietante precipitación, abondando na irreflexión e sucumbindo por mor dun gafe insoportable.

Estragou o Dépor todo o seu bo facer nun novo erro individual gravísimo, imperdoable e incalificable. Outra vez en defensa. Outra vez Albentosa. O home do millón douscentos mil euros por temporada. Irresponsablemente deixou pasar un balón enviado por Borges con pouca forza, provocando case un penalti sobre Charles, e por riba comprometendo ó porteiro debutante, aínda nervioso e remexendo na cachola o seu gordísimo erro no seu primeiro gol encaixado en Liga. Koval non se esperaba a indecente e traidora acción do seu compañeiro, mediu mal e golpeou como puido o coiro, con excesiva forza e sen ningunha axuda para acudir ó socorro do meta herculino. O porteiro saíu como un touro tras o balón, pero antes arrolou perigosamente a Jordán merecendo a expulsión. 

Estragou o Dépor todo o seu bo facer nun novo erro individual gravísimo, imperdoable e incalificable. Outra vez en defensa. Outra vez Albentosa. O home do millón douscentos mil euros por temporada

 

O resultado foi un espectáculo de dous rombos.  

Á vista do reconto dos fatalismos, moitos xa nunha temporada, previsiblemente sen retorno, non todo é culpa de Seedorf. O plan do técnico non era perfecto, porque volvía ser temerario, con homes postos en posicións discutibles. Os seus futbolistas polo menos intentan poñer en práctica os seus discutibles métodos. E, por agora, cren no que lles pide. Incluso aparentemente con convicción. Pero o problema do equipo raia a falta de profesionalidade. A desconcentración, os erros individuais que sempre aparecen, non se poden adestrar. Son só achacables a unha falta total de compromiso, a estar ausente nos momentos clave, a irresponsable toma de “indecisións". 

O Dépor busca sorte, axuda externa, un conxuro e un espiritista. Ten en riba meigas, bruxas, curuxas, ras e a santa Compaña. Todos xuntos forman un akelarre dunha forza invencible. Non hai leira de allos que poida con tanto pesadelo. A arte do vudú africana igual si que pode. Habería que consultarlle a Muntari, o único bo, parece, do mercado de inverno.

Comentarios