Esta segunda feira

Medulio evoca en Ferrol a figura e obra de Carvalho Calero

A Sociedade Cultural Medulio de Ferrol organiza esta segunda feira, día 16, ás 20h, no Antigo Hospicio, un acto en que evocará a figura e obra de Ricardo Carvalho Calero e que contará coa presenza de María Pilar García Negro, Pilar Pallarés, Xosé Ramón Freixeiro e Manuel Ferreiro.

Ricardo Carvalho Calero. Foto 560x362
photo_camera Carvalho Calero na Praza da Quintana (Moncho Rama)

IMG-20180410-WA0004A figura e obra de Ricardo Carvalho Calero serán obxecto de análise e divulgación esta segunda feira, 16 de abril, ás 20h, no Antigo Hospicio, nun acto convocado pola Sociedade Cultural Medulio de Ferrol. Intervirán María Pilar García Negro, Pilar Pallarés, Xosé Ramón Freixeiro e Manuel Ferreiro, “persoas que se formaron co maxisterio do profesor e que estudaron distintas facetas da súa personalidade e da súa obra”, informa Medulio nunha nota de imprensa.

As palestras prestarán especial atención á posición de Carvalho en relación coa Constitución española, o Estatuto de Autonomía de Galiza e o modelo de cooficialidade de linguas vixente e analizarán a súa faceta como poeta, historiador e crítico literario.

Fecharán o acto Xoán Padín e Alberte L. Porta, quen cantarán poemas do autor con música propia.

Medulio, pioneira en recoñecer a Carvalho Calero

A Sociedade Cultural Medulio foi a primeira de Galiza en organizar en 1982 unha homenaxe nacional a Carvalho en recoñecemento do valor intelectual e estético da súa obra e pola dignidade da súa conduta, que o condenou "ao ostracismo" por parte das institucións culturais oficiais, afirma a entidade no comunicado.

Aliás, Medulio sinala que repudia “a teimosía destas institucións, especialmente a Real Academia Galega, en manter nese ostracismo a figura e obra de Carvalho Calero polo simple feito de discrepar da política lingüística que tanto dano fixo e está a facer á nosa lingua e por manter unha actitude crítica respecto do réxime instaurado en 1978”, pois o intelectual entendía que non respondía a “un modelo democrático xenuíno” e que non daba resposta ás necesidades do pobo galego.

María Pilar García Negro: “Carvalho Calero é o grande polígrafo”

Consultada por Sermos Galiza, a profesora da UDC e escritora María Pilar García Negro pon de manifesto que na intervención desta segunda feira informará de que Carvalho Calero “é o grande polígrafo galego que representa a ligazón perfecta coa xeración do 16, das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos, da revista Nós e do Partido Galeguista, ao que pertenceu desde a súa fundación”. Estas, engade, son as súas “credenciais de inicio”.

“Todo o traballo intelectual e político desenvolvido neses anos viuse despois brutalmente interrompido pola guerra civil española, pola condena de cárcere que padeceu e por todo o ostracismo que padeceu até que despois dun longo período de recuperación da docencia nun centro privado, o Fingoi de Lugo –non tiña dereito a exercer no ensino público-, por fin pode cumprir un dos seus desexos de mocidade, ingresar como profesor na Universidade”, afirma María Pilar García Negro. “Isto vai ter a súa culminación na cátedra obtida en 1972 e até 1980, cando por imperativo da idade ten que xubilarse”, engade.

García Negro: "Houbo unha proscrición e desprezo completo a Carvalho Calero do galeguismo oficial, do autonomismo e das súas autoridades políticas e académicas"

A estudosa pon de manifesto que a derradeira década da vida de Carvalho Calero “supón un revival daquela etapa inicial, de maneira que asistimos a un dobre proceso significativo da historia da Galiza dese período: proscrición e desprezo completo do galeguismo oficial, do autonomismo e das súas autoridades políticas e académicas e, en paralelo, o movemento de recoñecemento por parte do nacionalismo organizado como tal e das asociacións culturais e dos movementos a prol da lingua que existían ou que naceron naquela altura, como o caso da Mesa”. Precisamente, foi Carvalho Calero quen selou a fundación da Mesa cunha conferencia final “magnífica”, en palabras de García Negro, en abril de 1986.

A tamén colaboradora de Sermos fai alusión ao traballo constante de Carvalho Calero, mesmo como xurista, en estudos literarios e lingüísticos, alén da “atenta análise da situación legal do galego e da impugnación, por exemplo, da Lei de Normalización Lingüística, da resolución do Tribunal Constitucional, e todo iso plasmouno en artigos definitivos”.

Estamos, sinala García Negro, diante da “personalidade intelectual máis completa, máis traballadora, mellor formada e cunha erudición e un caudal de leituras e coñecementos ao servizo de Galiza”. Foi Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación (Laiovento) o título elixido para o libro organizado pola propia estudosa en 2010 para conmemorar o centenario do nacemento do intelectual.

Comentarios