Medio Rural convértese en produtor lácteo

A Consellaría de Medio Rural convocará unha poxa en xaneiro para colocar o leite que se produce nos centros públicos galegos de investigación.
Manuel Rodríguez (Agacal) visita as instalacións de Mabegondo (Xunta).
photo_camera Manuel Rodríguez (Agacal) visita as instalacións de Mabegondo. (Xunta)

A Consellaría de Medio Rural convocará este mes de xaneiro a primeira poxa de leite producida nos centro públicos galegos, segundo avanzou esta segunda feira o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, durante unha visita ás instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Precisamente, o CIAM e o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude son as primeiras instalacións públicas galegas en contar cunha explotación gandeira, que complementan o traballo de I+D+i no ámbito agrario desde un enfoque de investigación aplicada.

Os pregos da convocatoria, explicou Rodríguez, incluirán como criterio de valoración que o adxudicatario aporte un mínimo de 5% do leite adquirido a entidades sen fin de lucro que apoian a colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión. Ademais, sinalou que os cartos obtidos na poxa destinaranse á mellora dos propios centros de produción e investigación nos que se produce o leite.    

O futuro do CIAM

A Xunta convértese así en produtor lácteo con dous centros que poderían quedar reducidos a un se o Goberno galego segue adiante co seu plan para desmantelar o CIAM. O persoal investigador deste centro amosou a súa preocupación hai unhas semanas após o anuncio da Xunta de converter o pazo de Quián, en Sergude, no Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galiza. Os dez millóns de euros que prevé investir o Executivo nesta actuación poderíase sufragar a carreira profesional de 12 investigadoras. Mentres, no centro de Mabegondo, a metade dos postos de investigación están sen cubrir.

Comentarios