Opinión

Matriarcas

“Matriarcas” de Guadi Galego abre unha interesante polémica feminista. Grande noticia. A cultura galega crea, chega a nós e móvenos algo por dentro. Confrontamos ideas porque estamos vivas. 

“Matriarcas” de Guadi Galego abre unha interesante polémica feminista. Grande noticia. A cultura galega crea, chega a nós e móvenos algo por dentro. Confrontamos ideas porque estamos vivas. 

As activista do noso cotiá mostran que o debate sobre a maternidade sempre é polémico. Foino no momento da publicación de O segundo sexo –unha grande parte das críticas ao libro apuntaban á visión desnaturalizada que ofrecía Beauvoir da maternidade-, foino nos movementos de mulleres dos anos setenta do pasado século, ten sido a bandeira das correntes do feminismo da diferencia, e na actualidade segue a ser un foco de polémica constante. 

"“Matriarcas” de Guadi Galego abre unha interesante polémica feminista. Grande noticia. A cultura galega crea, chega a nós e móvenos algo por dentro. Confrontamos ideas porque estamos vivas". 

As feministas, desde perspectivas máis teóricas ou activistas ou creadoras levan séculos abrindo espazos alternativos no que interrogar a maternidade na súa complexidade psíquica e social. Desde ópticas moi variadas seguemos na procura de estratexias discursivas alternativas para distanciarnos da concepción tan arraigada, nos discursos e nas prácticas cotiás, que non permite separar unha muller do seu ventre e que iguala o desexo feminino ao desexo de maternidade. Por iso, só poñer no centro da creación ou do pensamento o que significa “coidar” de por si é subversivo. Subversivo porque obriga a transmutar os valores, a desprazar tanto a lóxica da racionalidade mercantil do capitalismo ou a produtivista do marxismo. Obriga a unha mirada desde as marxes das dicotomías racional/sentimental ou público/privado. Obriga a que o fogar, ese que agocha o patriarcado e que as feministas soemos ollar de esguello emerxa como o topos da política. Situar o persoal como político para min segue a ser prioritario. 

Para combater ese discurso da dereita que exalta a maternidade da abnegación, da individualidade, esa maternidade imposta da “Red Madre” necesitamos todas as deslocalizacións discursivas e prácticas que nos permitan vivir a maternidade como un dereito. Podemos vivir unha maternidade feminista? Penso que si. Supoño que con todas as contradicións que emanan de mudar as regras seculares do que implica ser nai. Visibilizar o coidado, recoñecelo desde o sorriso e a celebración é un paso. Establecer dereitos laborais para as nais e incluír a corresponsabilidade niso que se chama axenda política é outro.

"As feministas, desde perspectivas máis teóricas ou activistas ou creadoras levan séculos abrindo espazos alternativos no que interrogar a maternidade na súa complexidade psíquica e social". 

O traballo doméstico é útil a todas as sociedades. Se queremos datos ou estadísticas podemos coller as últimas elaboradas en Galiza e sinalar que o traballo domestico equivale a máis da metade do noso Produto Interior Bruto. Calcúlase que se fose remunerado suporía máis de 28.000 millóns de euros na economía galega. Dese traballo as mulleres adican unhas catro horas diarias a realizalo, os homes non chegan nin a dúas. O desequilibrio é claro. Do mesmo xeito que a asimetría pervive nas menores taxas de actividade feminina, as maiores de desemprego, a fenda salarial, as dobres xornadas, os chans pegañentos que levan ao empobrecemento feminino, na falla de recoñecemento do noso traballo creativo, interpretativo, político ou intelectual. 

Lembrar as mulleres galegas que nos precederon e o seu traballo invisibilizado en clave da semántica do activismo político é unha boa chamada de atención sobre o noso propio sistema de valores. Sobre os nosos puntos cegos nas retinas feministas da transformación. Existen moitas mulleres nas liñas non escritas da nosa historia que o seu traballo no día a día foi contestatario e transformador. Non creo que a palabra “Matriarcas” sexa grande para elas. Tampouco creo que iso sexa un exercicio de nacionalismo esencializante. Todo o contrario e menos nunha nación na que a  figura central da súa literatura foi voz de denuncia e combate. 

"Só poñer no centro da creación ou do pensamento o que significa “coidar” de por si é subversivo".

É certo que moitas das figuras da nai beben dunha longa tradición filosófica ou teolóxica que a mistifican para facer desaparecer as nais reais. As que todos os días viven na súa carnalidade as miles de formas de resistencia e transformación que se tecen historicamente. Coido que temos a obriga de modificar o noso concepto de política, de economía e de loita. Como dicía transmutar valores. Podemos comezar por respectar as diferentes estratexias discursivas e artísticas de todas nós, as que aleitamos e as que non.

A primeira vez que escoitei ao tempo que visionaba “Matriarcas” chorei. Sen lóxica, nin logos. Sen razóns abstractas do pensamento hexemónico.  Pensar desde novas construción da maternidade, desde a nosa dor, o noso pracer, o noso ser, desde as presenzas e ausencias fica como reto. Recoñecérmonos, aínda que sexa desde a diverxencia, tamén é subversivo.

Comentarios