Opinión

A maternidade, na axenda política

“Teño que escribir unha biografía”, dixo o neno xa vai para un mes. Na súa cabeza ideou tres posibilidades: inventar un personaxe e inventarlle a vida, elixir a Angela Merkel ou a Ana Pontón. Se se puña a inventar, podía pasarse; se elixía á primeira chanceleresa alemátiña que explicar demasiadas cousas que neste país non se entenden sobre Alemaña, e quedoulle a terceira opción: decidiu levar á aula a vida da primeira candidata á presidencia de Galiza. Foi pouco a pouco desvelando o significado dalgunhas siglas, dos diferentes órganos de goberno dentro da organización en que participou a biografada; aprendeu da historia máis recente do país, das múltiples reivindicacións, desde Nunca Máis até a mobilización contra a Mina de Touro, do problema da sanidade pública, do ensino, da lingua; visualizou intervencións da parlamentaria, procurou o significado que había detrás daquela frase en que o Presidente da Xunta de Galiza dixo que “lle parecía que a señora Pontón estaba moi necesitada”, tamén o que había detrás do riso dos señores que o rodeaban (Puy, Rueda). Desde o inicio do traballo tíñao preocuapado o feito de incluír ou non o dato de que Ana Pontón estaba preñada. Na biografía dun político non se poría, parece unha anécdota. Decidiu poñelo no remate, era importante: a maternidade vaille cambiar a vida. Deu para moito este traballo. Angela Merkel, que introduciu na lingua alemá a palabra Bundeskanzlerin, chanceleresa, aínda que moita xente siga a referirse a ela como “a chanceler”, non tivo fillos. Falamos entón da boa e paciente nai e esposa e daquelas tres “K”, que ataban ás mulleres ao fogar na cultura alemá: Kinder, Küche, Kirche (criaturas, cociña, igrexa). Contra esas palabras rebelouse Merkel. Conteille que moitas mulleres deben elixir, aínda hoxe, entre a súa carreira profesional e seren nais, faleille entón, da premio Nóbel de bioloxía, Christiane Nüsslein-Volhard, de moitas das súas declaracións sobre este tema, das discriminacións que sufriu ao longo da súa traxectoria profesional e de como desde o ano 2004 creou unha fundación co diñeiro do premio para potenciar e estimular con axudas económicas a mozas investigadoras.

A maternidade cámbiache a vida. Con esta ladaíña de fondo, falamos das mulleres que deciden aleitar, da miña amiga Montse que ten que estar tres días en Madrid pola semana e o seu fillo fica aquí co pai, de todo o que se pode facer co leite para manter as tomas, do tempo e de dar de mamar. Falamos da conciliación familiar, dos atrancos, das mentiras. De todo isto non se fala nas aulas. Chegou Feijoo coa súa convocatoria de eleccións para o día 5 de abril, pensando nos intereses do Partido Popular. Ana Pontón suspendeu o permiso de maternidade e deunos moita pena; suspendeuno para poñerse a traballar como candidata á Presidencia e alegrounos. Sabemos que a maternidade vai estar na axenda política de verdade, a (nova)paternidade nunca estivo con Feijoo. Pensamos en Icía, en Ana Pontón e en Galiza. Feijoo fai todo a propósito para fastidialas, ás tres.

Comentarios